O Científico e profesor da USC Xosé Luis Otero nas Conversas no Parador “Galicia ten o ecosistema mais produtivo do mundo”
O coordinador científico da Rede de Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luís Otero, participou esta mañá nas “Conversas no Parador" que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol. O científico que estivo acompañado polo Xefe da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Guillermo Díaz, o biólogo e Delegado da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol, Jorge López, Patrón Maior da Confraría de Barallobre , entre outras personalidades, mostrou a súa satisfacción por participar neste tipo de encontros informativos porque permite aos investigadores da USC achegar á sociedade a información dos traballos que se están levando a cabo na Universidade de Santiago.
O profesor Otero comezou a súa disertación salientando o labor do anterior director da Estación de Bioloxía, Victoriano Urgorri, afirmando que “temos que agradecer a Victoriano Urgorri, o seu traballo e dedicación porque a Estación da Graña non sería o que é, moi coñecida a nivel de Ferrol, e a mais activa deas tres estacións da USC”.
En canto ás outras estacións dependentes da USC mencionou a Estación Científica do Courel, como centro singular que pretende potenciar os estudos multidisciplinares na alta montaña galega; e a Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, que é un centro especializado no estudo da calidade e biodiversidade fluvial.
Xosé Luis Otero referiuse á singularidade das rías galegas, sinalando que “as rías non son exclusivas de Galicia, pero a costa onde as rías teñen maior presencia é na galega”. As rías son grandes brazos de mar que penetran na terra, e na linguaxe internacional se utiliza a palabra ría, que é unha palabra universal, cedida pola lingua galega. “Pode ser un invento de aquí que descubriu un alemán, que tras estudar as rías, observou que a galega era unha costa diferente, e asociada a esta estrutura, cunha parte fluvial, e un compoñente zoolóxico complexo porque son zonas afundidas. Toda unha combinación de procesos xeolóxicos e climáticos”.
Segundo Otero, convén sinalar que “unha ría non é unha baia, é un ecosistema mariño moi complexo que ten unha parte estrutural e unha parte dinámica da renovación da auga”, para afirmar logo que “Galicia ten o ecosistema mais produtivo do mundo. E se representa na produción do mexillón”. Galicia é o produtor mais grande do mundo de mexillón, despois de China, que é moito mais grande. Do mexillón viven en Galicia case dez mil persoas. A produción de mexillón é importante porque “é un transformador moi importante da ecoloxía das rías”. Galicia produce duascentas mil toneladas de mexillón ó ano. E a nosa actividade está influíndo na ecoloxía das rías. En Galicia temos un sistema altamente produtivo que depende dunha serie de variables ambientais, que son: a presencia anual dunha serie de afloramentos de auga salgada e fría que sae a principios de verán e que permite unha produción elevada de bivalvos.
Que está acontecendo?
Existen dúas escalas de análises. Unha escala global e unha escala local en cada unha das rías con algunhas similitudes entre elas. A nivel global habería que dicir que estamos nun cambio global, con cambio climático e algo que non se pensaba que é a acidificación dos océanos. As augas mariñas levan absorbendo o 35 % do todo o CO2 que o home emitiu a atmosfera desde hai 150 anos, e baixar a acidez é unha barbaridade. A todo isto son sensibles os bivalvos. Entre as consecuencias mais coñecidas está o aumento da temperatura, o aumento do nivel do mar, porque se derreten os glaciares, pero o 50% depende da temperatura mais elevada, a molécula de auga se dilata. Si aumenta o nival mariño aumenta a acidificación, incremento da temperatura atmosférica, e da auga. Na ría de Ferrol aumenta menos que no sur de Galicia. O incremento da temperatura ten unha relación directa co aumento da temperatura global. Ao equilibrarse a temperatura do Ecuador coa temperatura do Norte perde intensidade, sinalando que “a gran corrente que cruza o Atlántico, desde o Golfo de México e que chega até Noruega, está a perder intensidade”.
Baixa produción e cambios globais
En canto á baixada da produción nos bancos marisqueiros, dixo que existen “cambios globais que afectan á temperatura atmosférica, á temperatura de augas ou afloramentos, que son a base da produtividade”. Todo iso únese a que en Galicia hai “augas máis acedas” e a que “durante 40 anos estiveron a abonarse os campos de cultivo tanto en Europa con en Estados Unidos con excrementos de aves mariñas que viñeron de Perú”, ata que logo decidiuse apostar polo nitróxeno e que “a través dunha serie de sistemas, unha serie de procesos xeoquímicos, todo isto acaba nas augas”. Así, detallou que “a auga de choiva está enriquecida de nitróxeno”, o que motiva un “boom de algas cada vez maiores, que se van depositando e fan as costas pobres en osíxeno, que tamén coido que pode estar a ocorrer en Galicia”.
Posible dragado da ría
Con respecto á situación que sofre a ría de Ferrol e que se manifesta, desde hai xa varios anos, nunha caída de mais do 80% na produción de ameixa babosa, o científico apuntou que o dragado da ría “pode ser unha das solucións” dentro da idea de recuperar o ecosistema, engadindo que “é unha das opcións interesantes que se poderían formular”, xa que, aínda que se trata dun “proceso caro e delicado”, pero dado que a ría de Ferrol “está mal porque ten uns sedimentos tremendamente enriquecidos en materia orgánica (un 12% en moitos puntos) e moitos metais, en zonas concretas, como a desembocadura do Xuvia e o porto, creo que sería algo a estudar ou valorar”, subliñou. Aínda que engadiu que “se cadra un dragado integral sería pouco viable, pero si parcialmente, para ver como responde o sistema e se paga a pena avanzar”. Otero tomou como referencia a ría do Burgo, na que se está a executar un dragado, e identificou algunha similitude. “O proceso pode atoparse con moitas reticencias dalgúns sectores e, ademais, podería encarecerse ao ter moitos contaminantes acumulados, o que impediría botar o sedimento fóra da ría, porque hai que levalo a terra e tratalo debidamente, e iso con volumes enormes é moi custoso”, salientou.