O Club de Prensa de Ferrol convoca a edición Nº 35 do certame Galicia en Foco, para elixir a Foto do Ano de Galicia en Foco e a Foto- Reportaxe do Ano de Galicia en Foco


Ferrol, 14 de marzo de 2026

Ata o 10 de abril estará aberto o prazo de presentación ao certame.

O Club de Prensa de Ferrol convoca a 35ª edición do certame Galicia en Foco no que premiaranse a FOTO DO ANO DE GALICIA EN FOCO e a FOTO-REPORTAXE DO ANO DE GALICIA EN FOCO correspondente ao ano 2025, entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2025. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.

Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia.

As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2025 e o 31/12/2025.
Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano de Galicia en Foco, dotado con 750 euros e Foto-reportaxe do Ano de Galicia en Foco, dotado tamén con 750 euros), no que cada fotoxornalista poderá concorrer so a un.

Na presente edición introdúcese un cambio nas bases do premio que consiste no seguinte:  “As/os fotógrafas/os que na edición 34 recibirán o premio á Foto do Ano de Galicia en Foco, non poderán optar  a esta modalidade, aínda que si poderán facelo ao premio Serie do Ano de Galicia en Foco . De igual xeito as/os fotógrafas/os que na 34 edición recibiran o premio á Serie do Ano de Galicia en Foco, non poderán optar a esta modalidade, pero si poderán facelo á Foto do Ano de Galicia en Foco.

Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace da web do Club de Prensa de Ferrol, onde figuran as bases que rexen o presente certame

O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais.

O prazo de recepción das fotografías remata o día 10 de abril de 2026 ás 14.00 horas.