O alcalde de Ferrol presume de "estabilidade" e de "liderar" o crecemento de afiliacións á Seguridade Social


Ferrol, 05 de marzo de 2026

Rey Varela destaca no "Conversas non Parador" que a cidade gaña poboación despois de 40 anos

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou este xoves 5 de marzo nas Conversas no Parador nas que fixo un extenso balance da situación da cidade , tentando, como declarou, “afastarse dos anuncios" para centrarse nos "feitos" que, segundo as súas palabras, demostran que Ferrol vive "un momento ilusionante".

Rey Varela, que estivo acompañado por varios membros do seu goberno e representantes institucionais como o presidente da Autoridade Portuaria, a delegada da Xunta, a vicerreitora do Campus, e varios cargos institucionais do concello, comezou a súa intervención agradecendo a invitación e chanceando con que unha das mellores vistas da cidade é a que se contempla desde o Parador "ata que acabemos de derrubar a muralla".

O rexedor ferrolán centrou o seu discurso en datos económicos e demográficos que, asegurou, constatan o cambio de tendencia na cidade. "Ferrol levaba 40 anos perdendo poboación e agora levamos dous anos crecendo", afirmou, antes de concretar que o último dato oficial sitúa a poboación en 64.367 habitantes, "asomándonos aos 65.000".

Emprego

En materia de emprego, Rey Varela destacou que a cidade superou os 20.000 afiliados á Seguridade Social e que, segundo os últimos datos publicados, "Ferrol foi a cidade de Galicia na que máis creceu a afiliación, cun 2,9%", case triplicando o dato doutras grandes urbes galegas. “Estabamos afeitos a machucarnos con cifras negativas, e agora lideramos o crecemento", subliñou.

O alcalde vinculou estes datos á "estabilidade" do goberno municipal e á "ordenanza máis proactiva en urbanismo de Galicia", que permitiu, segundo detallou, un incremento de licenzas do 10% en 2025 e un acumulado do 40% no bienio 2024-2025. "Normalmente crécese con díxitos dun, non con díxitos de dous ceros", salientou.

Rey Varela repasou os principais proxectos en marcha, con especial mención ao plan "Abrir Ferrol ao mar", que inclúe o derrube da muralla do Arsenal, unha reivindicación histórica que, lembrou, "un rei meigo xa pedira publicamente nos anos 80". Tamén detallou que a fase da Magdalena "vai a toda velocidade", que en breve comezará a de Esteiro e que en días se aprobará o proxecto de Caranza, "o máis complexo" por incluír unha nova praia.

En materia deportiva, citou as obras na Malata, os campos de fútbol de Caranza e A Gándara, e a futura cidade náutica da Cabana.

En servizos municipais, avanzou unha "transformación" do servizo de limpeza con máis equipos e brigadas, un novo contrato de mantemento de vías dotado con dous millóns de euros e un plan de pintado de pasos de peóns que comezará "cando o tempo o permita”.

Oferta de emprego público

O alcalde tamén se referiu á oferta de emprego público aprobada esta semana, "a maior da historia", que permitirá cubrir todas as prazas de servizos sociais, recuperar os 100 policías locais en 2027 e alcanzar os 50 bombeiros. Así mesmo, anunciou a convocatoria de 12 prazas de xefatura "crave para a engrenaxe administrativa".

Na quenda de preguntas, Rey Varela abordou a situación dos distintos barrios: as obras en Canido, a compra de terreos para un centro de saúde en San Xoán, a renovación do aparcadoiro de Caranza con dous novos parkings de 74 prazas, o primeiro parque infantil cuberto en O Inferniño ou a rehabilitación de vivendas en Recimil.

En canto ao plan do Sánchez Aguilera, asegurou que está pendente de informes sectoriais para a súa aprobación definitiva e reclamou ao Goberno central que cumpra o seu compromiso de construír vivenda pública na zona: "Se queren facer vivendas, poden facelo. Deben facelo".

Preguntado polo incremento de prezos da vivenda, o alcalde vinculouno á "regulación do mercado" e ao "medo á ocupación", que retira oferta do mercado. "Menos vivendas, prezo máis alto. É a lei da oferta e a demanda", sentenciou.

Infraestruturas pendentes

No capítulo de reivindicacións, Rey Varela insistiu na necesidade de modernizar a liña de tren Ferrol-A Coruña, lembrando os estudos encargados pola Xunta e lamentando que "do Goberno de España non tivemos nin un investimento, nin o Bypass de Betanzos". Sobre o encontro comprometido co ministro, admitiu que non se soubo nada, “pero agardamos telo pronto”.

Respecto da implantación da ORA e a zona de baixas emisións, o alcalde recoñeceu que "estamos a traballar niso" e enmarcouno nun "quebracabezas" de 40 ou 50 proxectos simultáneos. "Oxalá todos os temas puidésemos implementarlos, pero o día ten 24 horas", xustificou.

Unha das asistentes tomou a palabra para suxerir melloras estéticas na cidade, como arrombar baixos comerciais, limpar as murallas ou instalar elementos industriais como "áncoras ou turbinas" para reivindicar o patrimonio local. Rey Varela recolleu a idea e asegurou que "o reforzo da limpeza se vai a notar en todos os barrios".

Finalmente, preguntado polo "proxecto estrela" para unha próxima lexislatura, o alcalde respondeu: "O noso proxecto estrela é Ferrol".