O Club de Prensa de Ferrol convoca a 32ª Edición do certame de "Galicia en Foco"
O Club de Prensa de Ferrol convoca a 32ª edición do certame Galicia en Foco para elixir a Foto ou Foto-reportaxe do Ano 2022 entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2022. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.
Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia. As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2022 e o 31/12/2022. Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano e Foto-reportaxe do Ano), podendo concorrer so a un, para un único premio, de 1.000 euros.
Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar na páxina web do premio neste enlace, onde figuran as bases que rexen o presente certame.
O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais.
O prazo de recepción remata o día 30 de setembro de 2023 ás 14.00 horas.