Os Desafíos da Globalización a debate no 24 º Curso de Pensamento e Comunicación “Carlos Gurméndez"
O Salón de actos do Campus de Ferrol da UDC, acolleu a inauguración da 24ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez no que ao longo dos días 5, 6 e 7 de xullo analizáranse “Os Desafíos da Globalización”. No mesmo participaron a Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o Concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol , José Ponte Far, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, a coordinadora do Curso Carlos Gurméndez, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e o Director Académico do mesmo, o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas.
A presidenta do Club de Prensa de Ferrol tras agradecer a todos os asistentes a súa participación, sinalou a relevancia do Curso Gurméndez, do que se non fora polos afectos da pandemia da Covid 19 estaría a celebrar o seu 25 Aniversario, e que contou sempre coa colaboración da Universidade, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.
Xa referíndose á temática dos Desafíos da Globalización, aludiu ó rigor que acreditan os 14 relatores que intervirán no curso, que “axudarannos a favorecer en nós un estado de opinión interesado e aberto para demandar como cidadáns unha maior difusión dos aconteceres socioeconómicos que están a configurar a cidadanía do futuro”.
O director xeral de Cultura, comezou a súa intervención poñendo en valor o espazo universitario ferrolán, “é un Campus moi paseable, moi agradable”, dixo e destacou, entre outras cousas, a lonxevidade dun curso de verán cun cuarto de século de vida, “o que non é habitual”. Isto dá unha idea, engadiu, do pouso dunha actividade que definiu como “un acto de homenaxe e de xenerosidade de Ferrol e comarca e do Club de Prensa cunha persoa que non era de aquí, converténdoo nunha especie de fillo adoptivo”, apuntou.
A vicerreitora do Campus, María Jesús Movilla, destacou a importancia de manter vivos espazos de pensamento como o que propón o Gurméndez, “un luxo para o Campus e a UDC”.
Pola súa parte o concelleiro de Cultura de Ferrol, José Antonio Ponte Far, que como sinalou foi anteriormente, “oínte, poñente e colaborador” da cita á que agora acudía como representante institucional. Desde esta nova posición, comprometeu ao Club de Prensa o máximo apoio e colaboración posible coa actividade, “un clásico entre os cursos de verán das universidades galegas”, manifestou. Desexou, así mesmo, moitos anos máis de vida para este “agasallo cultural”, dun curso que comezou celebrándose en Pontedeume –municipio ao que pertence a parroquia de Centroña na que Gurméndez atopou o seu principal lugar de inspiración– e que desde 2011 asentouse no campus ferrolán.
Alumnos
Unhas 70 persoas, segundo apuntou a coordinadora, Esperanza Piñeiro, formalizaron a matrícula nun curso no que o profesor da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas, exerce como director académico. “Que chegue a 24 edicións é algo altamente infrecuente e que debemos valorar”, considerou. O encontro de pensamento e comunicación fai énfase, precisamente, nesa dobre vertente de Gurméndez como pensador e como xornalista, rendéndolle así, un ano máis, homenaxe cun programa ao que Sucasas gustaríalle ter engadido, a posibilidade de conferir maior peso a áreas como “o efecto devastador que o fenómeno da globalización ten nos universos culturais tradicionais” ou o do tema económico. “Confiamos en que sexan tres días fértiles, intelectual e humanamente”, concluíu.
Tralo acto de inauguración, o xornalista ferrolán e presidente de honra do Club de Prensa de Ferrol, Germán Castro presentou ou seu libro “Carlos Gurméndez: Galicia e os espazos abertos de Ferrolterra”.
A conferencia “Outros virus globais”, de Darío Villanueva (USC); “Sistema xurídico internacional e globalización: paradoxas e desafíos”, de Isabel Lirola (USC); e “Na procura da comunidade: reflexión desde Galiza”, de Carme Adán (Consello da Cultura Galega) complementaron a xornada de inauguración da 24ª Edición do Curso Carlos Gurméndez.