Project Description

O Club de Prensa de Ferrol celebrou o 25 Aniversario no mundo da literatura de Ramón Loureiro


Ferrol, 19 de febreiro de 2022

O salón Carlos III de Exponav acolleu este sábado 19 de febreiro o acto que baixo o epígrafe “Ramón Loureiro, a creación dun mundo” organizou o Club de Prensa de Ferrol en recoñecemento a Loureiro pola celebración do seu 25 aniversario no mundo da literatura de ficción e os 35 anos de xornalismo.

Este encontro, no que participaron ademais do homenaxeado a escritora e directora da revista Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, o presidente da Federación Galega de Atletismo Isidoro Hornillos e a presidenta do Club de Prensa Xulia Díaz, foi presidido polo alcalde de Ferrol Ángel Mato Escalona. No mesmo coincidiron personalidades do mundo da cultura chegadas a Ferrol desde toda Galicia. Nel, subliñouse ademais da traxectoria literaria e periodística de Ramón Loureiro, o seu permanente compromiso coa defensa dunha parte de Galicia que ten, as súas capitais en Ferrol e en Mondoñedo, e o seu corazón espiritual na Terra Chá de Lugo, e que hoxe, unha vez máis, se enfronta a un verdadeiro reto de futuro.

A presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz comezou o acto referíndose ao mundo máxico e literario de Ramón Loureiro que, segundo ela, puido comezar moito antes dos vinte cinco anos de literatura e os 35 de xornalismo, porque “no faiado do Forno de Pedre o neno Ramón coa súa fantasía creadora, fornecida polas lecturas variadas nas que destacaban Cervantes, Cunqueiro e os contos que lle contaban as madriñas da casa, foi tecendo o seu imaxinario no que tamén terán un importante papel os seres mitolóxicos que Ramón utilizará para xogar con eles segundo o precise”.

Na súa intervención, Esperanza Piñeiro de San Miguel, sinalou que “a súa obra ten encanto narrativo e calidade literaria, e iso é froito de dúas calidades que posúe Ramón: talento e sensibilidade” con todo iso “foi tecendo un relato de sentimentos e vivencias propias, pero que ao tempo identificamos como unha parte da memoria colectiva”, para engadir logo que Ramón “escoita á natureza, os seus ecos, a súa linguaxe; detense tanto nos bosques, regatos, os seres que os poboan, como nunha paisaxe urbana, un cheiro, unha vivencia ou un recordo. E convérteo en literatura”.

Tamén Isidoro Hornilos, exatleta olímpico e presidente da Federación Galega de Atletismo, lembrou a etapa como atleta de Ramón Loureiro (unha etapa que quedou prematuramente truncada por unha grave enfermidade), e sinalou que grazas ao escritor fenés, e á súa devoción pola épica que emana do atletismo, este deporte estea hoxe nalgunhas das mellores páxinas da narrativa espańola contemporánea. Sinalou Hornillos, ademais, que Ramón Loureiro "conseguiu, cos seus libros de ficción, situar a Galicia do Norte, coa súa historia, cos seus mitos e coas súas xentes, no centro da cultura española contemporánea”.

Ao remate do acto e tras a intervención do alcalde Ángel Mato, Ramón Loureiro foi agasallado cunha figura de Sargadelos que reproduce a obra do arquitecto Rodolfo Ucha no mercado do peixe de Ferrol.

Ramón Loureiro, Premio Julio Camba de periodismo, encarna, tanto na súa escrita xornalística coma na súa dimensión como autor de ficción, a permanente defensa dun territorio que naceu da xa mencionada Terra de Escandoi -co Sillobre natal do autor no seu corazón- e que, libro tras libro, foi medrando ata converterse no que o autor deu en chamar a Última Bretaña: o mundo que se extende desde as desembocaduras do Xuvia e o do Belelle ata a da Eo, incluíndo terra adentro áreas coma a Chaira luguesa.

Considerado pola crítica literaria española un dos máis importantes autores da súa xeración (o recordado Miguel García-Posada chegou a calificar de "obra maestra" das literaturas hispánicas a novela "Las galeras de Normandía"). Ramón Loureiro é autor de máis dunha ducia de libros, tanto en galego como en castelán. Académico de número da Academia de San Rosendo, nos anos noventa foi tamén un autor fundamental no ámbito do fotodocumentalismo español, ámbito no que publicou dous libros que xa son verdadeiros clásicos no mundo da fotografía humanista: "Acero sobre el auga", a homenaxe de Loureiro aos traballadores da construción naval ferrolá, e "As Pontes", ensaio fotográfico sobre o universo pontés e súa central térmica.