Project Description

Mónica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija, candidatos ao XVIII Premio Couso


Ferrol, 10 de marzo de 2022

O Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, anuncia as candidaturas da súa décimo oitava edición, na que ten unha gran presenza o actual conflito entre Rusia e Ucraína. Á edición deste ano concorrerán Mónica Bernabé, xornalista destacada polo seu traballo en Afganistán; Pablo González, informador encarcerado en Polonia baixo a acusación de espionaxe; Víctor Guerrero, enviado especial da televisión pública á guerra de Ucraína; e Érika Reija, correspondente da TVE en Moscova até a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

As candidatas e candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos asociados do Club de Prensa de Ferrol e os colexiados do CPXG ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Como recollen as bases do premio, unha comisión específica encargouse de escoller as catro candidaturas finalistas entre todas as propostas. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol e os colexiados e colexiadas do CPXG e ata as 14.00 horas do 7 de abril.

SOBRE AS CANDIDATURAS

Carole_Cadwalladr

Mónica Bernabé

Mónica Bernabé é unha comunicadora catalá coñecida especialmente polo traballo que desenvolveu como xornalista en Afganistán, onde viviu case oito anos, e polo seu labor como defensora dos dereitos humanos nese país. Na actualidade, é responsábel da sección de Internacional do xornal Ara.

#defendeagalega

Pablo González

Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. Mentres informaba sobre o Donbass, foi acusado de "prorruso" polos servizos secretos ucraínos e convidado a abandonar o país. De volta en Polonia, cubría a chegada de refuxiados cando foi detido pola intelixencia dese país. Actualmente encóntrase no cárcere de Rzeszów, acusado dun delito de espionaxe.

Diario de Mallorca, Europa Press y EFE

Víctor Guerrero

Víctor Guerrero, informador asturiano cunha ampla traxectoria nos medios públicos estatais, cubriu recentemente a guerra de Ucraína como enviado especial para Televisión Española. As súas informacións destacan polo rigor, o achegamento ás historias persoais que hai por tras dos enfrontamentos e unha continua cobertura da actualidade do conflito.

Juan Moreno

Érika Reija

Érika Reija, xornalista luguesa experta no mundo árabe, traballa na sección internacional dos servizos informativos de TVE desde o ano 2004. O pasado 5 de marzo, abandonaba a correspondencia de Moscova, que ocupaba desde o 2017, logo de que Rusia aprobara unha lei que sanciona con até 15 anos de cadea a publicación de informacións que o goberno considere como falsas.

As votacións

Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 7 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da na web do CPXG. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail neste enlace. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.

O Club de Prensa de Ferrol e O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiroorganizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezasete edicións anteriores foron para Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Club de Prensa de Ferrol e Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia