O centro cívico Ramón Millarengo de Neda , acolle desde o 21 de xuño ao 18 de xullo a exposición “Galicia en Foco”
A concelleira de cultura do Concello de Neda, Cristina Bouza Bellón, presidiu o xoves 21 de xuño, a inauguración nas dependencias do centro cívico situado na rúa Xeneral Morgado, nº 24 de Neda , da mostra “Galicia en Foco” que promove o Club de Prensa de Ferrol. A mostra poderá ser visitada de 10.30 á 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas.
No acto inaugural proxectouse un vídeo que recolle unha selección das obras presentadas ao longo dos primeiros 25 anos de Galicia en Foco, e o coordinador do certame e membro do Club de Prensa de Ferrol, Miguel García Corral, comentou aos presentes as particularidades das obras presentes na mostra que recolle as fotografías presentadas polos fotoxornalistas que participaron na edición 26 do certame fotográfico.
O certame Galicia en Foco foi creado polo Club de Prensa de Ferrol, co fin de amosar o labor da fotografía de prensa e difundila por toda Galicia. Este ano a mostra recolle os traballos de dezanove fotoxornalistas que participaron no concurso. Entre elas se atopa a fotografía titulada “Fuxindo do lume”, realizada por Felipe Carnotto e publicada no Diario de Pontevedra, na que se reflexa a desesperación polos incendios forestais de outubro. Nesta edición o xurado tamén concedeu unha mención especial a Brais Lorenzo Couto.