O Carlos Gurméndez arranca con tres charlas no Campus Industrial
A cita, que organiza o Club de Prensa da cidade, cumpre 25 anos de traxectoria na presente edición
A 25ª edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que ven organizando anualmente o Club de Prensa de Ferrol, deu comezo este mércores no Campus de Esteiro cunha introdución que deu paso aos relatorios dos protagonistas. Na apertura oficial Julia Díaz Sixto, presidenta da entidade organizadora, destacou a longa traxectoria dun curso que tivo como sede desde o seu comezo en 1989 a vila de Pontedeume até o 2012, cando comezou a celebrarse no Campus de Ferrol da cidade naval.
A continuación, interveu a dirección do curso, empezando por Asunción López Arranz, que afondou no fío condutor do curso, polo que animou a reflexionar sobre temas de interese para a sociedade contemporánea como a educación, o emprego, a xeopolítica ou o cambio climático. Asimesmo, Esperanza Piñeiro de San Miguel engadiu ao discurso a utilidade da formación que se imparte no curso para ampliar perspectivas e estudos que interveñen no debate social.
O Concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, expresou o orgullo que supón para Ferrol acoller un curso coma este, coa súa singularidade a nivel temático, ademais de facer fincapé na presenza de xente nova. Severino Álvarez Monteserín, delegado territorial de Cultura da Xunta de Galicia, valorou o esforzo que supón a posta en marcha dunha cita coma esta, con 25 anos de traxectoria. O representante autonómico deu paso á vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, que agradeceu a labor do anterior director do curso, Alberto Sucasas.
Ponencias
A única ponencia da mañá, “Xeopolítica do caos e nova orde internacional”, protagonizouna Jorge Antonio Quindimil, profesor de Dereito Internacional da UDC. Nela o docente apuntou algúns trazos de relevancia na actualidade, como o papel que xoga hoxe en día, a distintos niveis, a Intelixencia Artificial. Quindimil sostivo na súa conversa que a sociedade distópica non é un asunto futuro, senón que xa nos atopamos inmersos nela. Un dos datos máis reveladores que achegou foi que “só un 6% do mundo vive en sociedades democráticas”, un aspecto a ter en conta en canto á organización da orde internacional.
Pola tarde, Félix Puime Guillén, mestre titular permanente laboral da UDC na área de Economía Financeira e Contabilidade, ocupouse do relatorio “A transmisión de coñecementos do profesor universitario a nivel internacional e a súa participación no desenvolvemento mundial”. Entre os contidos que expuxo, o economista citou ao poeta irlandés William Butler Yeats, cando declarou que a educación non sería comparable a encher un caldeiro, senón a prender un lume. Do mesmo xeito, puxo acento na pertinencia da formación humanística e, por outro lado, lamentouse do déficit de mulleres en carreiras técnicas. Outro dos datos a destacar no seu discurso foi a produción anual de 70 millóns de euros que realizou a UDC coas numerosas colaboracións entre a industria e a universidade, resaltando a relevancia destes acordos.
A última poñente da tarde foi, Asunción López Arranz, profesora do Departamento de Dereito Público da Facultade de Ciencias do Traballo da UDC, que impartiu a sesión “Un novo modelo social europeo, reflexo da Carta Social”. Na súa intervención sinalou que os cambios sociais están modelando unha nova realidade social e económica, polo que a capacidade da sociedade para adaptarse a estes desafíos e manter a cohesión social será crucial para a estabilidade e prosperidade futura. Segundo a profesora López Arranz , a “resposta a estes cambios inclúe un equilibrio entre a integración dos refuxiados, a xestión das tensións sociais internas, e a adaptación económica e política a unha contorna en constante evolución”, polo que un novo modelo social europeo baseado na Carta Social Europea require un compromiso, firme cos dereitos sociais e económicos, a igualdade, e a participación democrática. Un modelo, engadiu que non só aspira a mellorar a calidade de vida dos cidadáns europeos, senón tamén a servir como un exemplo de xustiza social e solidariedade a nivel global.
-Colaboración especial de N. Vidal