As claves dunha Nova Orde Mundial continúan analizándose no Campus de Esteiro


Ferrol, 04 de xullo de 2024

Unha temática que está sendo estudada no curso universitario que organiza o Club de Prensa de Ferrol anualmente

A xornada central da edición do 25 do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez tivo lugar este xoves no Campus de Esteiro. Esta sesión estivo marcada polos catro relatorios que incluían o programa, todos eles enfiados polo tema da configuración dunha nova orde mundial.

A formación que organiza o Club de Prensa de Ferrol, abarca tres días de ponencias, que finalizarán mañá venres, coa entrega de diplomas. O primeiro discurso de onte chamouse “O mundo árabe e a fin dos museos coloniais: con restituír non basta”, do que se ocupou Juan Luis Montero Fenollós, profesor titular da UDC na área de Historia Antiga.

O docente tocou temas coma o coleccionismo e os museos coloniais e tratounos na súa propia experiencia en lugares como Irak, Siria ou Palestina, onde se constata o espolio de elementos patrimoniais. Asimesmo, deu conta das mafias responsables da desaparición deste tipo de obxectos, que despois poden atoparse na rede. O relato concluíu con que existe esperanza a estes problemas, de tomar o camiño da lexislación e a cooperación, sen esquecer a educación.

Alfonso Bauluz de la Iglesia, presidente de Reporteros sin Frontera España, profesor da Complutense e redactor xefe da Axencia EFE, realizaou a súa intervención sobre “As guerras de atención en tempos de descoñecemento: a primeira xeración abandoada ás plataformas”. Este xornalista falou sobre a importancia da súa profesión en tempos de bulos, aos que atribuíu a existencia de intereses económicos. O sector foi cualificado de deostado, a pesar da pertinencia que observa para a formulación dunha sociedade máis libre. Aparte da crise do modelo xornalístico actual, Bauluz sinalou a conexión da xente máis nova coa Intelixencia Artificial, que segundo indicou, reduce a capacidade de atención e concentración.

En relación con esta tecnoloxía, o xornalista resaltou a necesidade de lexislación sobre os seus límites, cos que xa se está a traballar. Neste sentido, aventurou que os libros e xornais poderían chegar a ser obxectos de estudo arqueolóxico. E vinculando dous dos eixos principais do discurso, Bauluz fixo fincapé na ausencia de responsabilidade das plataformas fronte á dos medios de comunicación convencionais.

A seguinte quenda foi a de María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, que fixo fronte a “Poboación mundial e sostenibilidade ambiantal”. O centro da súa charla foi a demografía, que foi enfocada por medio dun discurso positivo. Así pois, un dos datos máis esperanzadores foi que, ante o crecemento poboacional histórico que se constata, a predición é que a mediados do século XXI este comece a descender. Aínda que advertiu da posible variabilidade. Outro avance foi que dende a actualidade até 2030, a esperanza de vida dos homes aumentará en 4,9 anos e a das mulleres en 4,2. Os seus datos apuntaron cara unha democratización da supervivencia, de forma que se produza un equilibro a nivel mundial. Non obstante, Galdo observa un desequilibro na relación actual entre poboación e recursos. As cifras que achegou, sobre as hectáreas que precisaría unha persoa ao ano para o seu abastecemento, conclúen que os países máis desenvolvidos quedan con recursos dos outros.

Isabel Novo Corti, catedrática de Fundamentos Económicos pola UDC, pechou o día con “Desafíos da sostenibilidade e as novas tecnoloxías”. Esta ponencia incluíu temas como a falla que supón a robotización e a IA para os grupos en perigo de exclusión, pola imposibilidade de acceso.

- Colaboración especial de N. Vidal