O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, anunciou nas “Conversas no Parador“ que “Na metade do mandato teremos en marcha todos os compromisos que asumimos cos veciños”


Ferrol, 20 de marzo de 2025

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá nas Conversas no Parador, un encontro con xornalistas que ven organizando o Club de Prensa de Ferrol, no que falou do traballo realizado nestes preto de dous anos de mandato e dos proxectos que marcarán o futuro da cidade. Neste senso, o rexedor expuxo que o goberno local está a traballar para que “na metade do mandato teñamos en marcha todos os compromisos que asumimos cos veciños”. Neste sentido, puntualizou que “ter en marcha” significa ter o financiamento ou os proxectos realizados, o que inclúe aquelas ideas “das que se falou durante anos pero para as que non había proxecto”. “Temos tres meses por diante intensos” e “imos acelerar para chegar a este obxectivo” de metade de mandato, avanzando a relevancia que terá Xunta de Goberno do vindeiro luns 24 de marzo. Así mesmo, lembrou a importancia de ter os orzamentos municipais ao día, sendo o instrumento que permite realizar as melloras necesarias na cidade, e fixo fincapé no feito de que en ano e medio o Goberno municipal aprobou tres orzamentos.

Situación da cidade

Rey Varela contextualizou a situación actual da cidade, lembrando o incremento poboacional rexistrado tras máis de 40 de perda no censo, chegando en 2024 aos 64.128 habitantes. Neste momento, “consolidar no tempo” este incremento “é a clave”, asegurou. Así mesmo, saudou que o número de afiliados á Seguridade Social en Ferrol ao peche de 2024 superase a cifra de 20.000, “algo que non pasaba desde hai anos”, asegurou.

Nos primeiros compases do mandato, o Goberno local realizou importantes cambios para poder sacar adiante os asuntos de cidade, como a reorganización municipal, “na que tomamos medidas desde o primeiro día”, ou a creación da nova ordenanza de licenzas, que permite acortar os prazos para a obtención dos permisos necesarios para rehabilitación. Grazas á nova normativa, a concesión de licenzas para obra maior “incrementouse en máis do 50% nun ano”, o que contribúe ao movemento do mercado na cidade. Deste xeito, púxose en marcha unha “cadea que temos que seguir acelerando”, apuntou Rey Varela.

Transformacións Clave

O alcalde fixo un repaso daquelas actuacións clave na transformación da cidade, entre as que sobresae Abrir Ferrol ao Mar, proxecto do que avanzou que xa están solicitadas as autorizacións sectoriais. A previsión é que “este ano comece a ser realidade este proxecto”, sinalando que para chegar a este punto o traballo realizado en ano e medio foi “inxente”.

Rey Varela lembrou que este proxecto de rexeneración urbana, ademais de derrubar a muralla e permitir a visión do mar desde a cidade, tamén creará unha senda verde e azul peonil de 10 quilómetros e un carril bici que unirá A Graña e Caranza, no que representa unha aposta por gañar espazos para os veciños e a potenciación da mobilidade sostible.

Con respecto ao Sánchez Aguilera, subliñouse que se atopa en fase de redacción. “En abril teremos o proxecto e despois licitaremos”, indicou o alcalde. Cómpre destacar que a transformación da cidade pasa pola posta en valor deste espazo, que marca o futuro da urbe naval, grazas ás grandes oportunidades que presenta este novo barrio entre A Magdalena, Canido e Santa Mariña no relativo a usos dotacionais, espazos públicos e zonas verdes.

Outro dos proxectos estratéxicos do mandato é a Cidade do Deporte, da que o alcalde avanzou a “na primeira metade do ano contamos con licitar unha parte importante” desta actuación, centrada en A Cabana, o pavillón de A Malata e as súas pistas, o recinto feiral de FIMO e o estadio de A Malata. “Estamos recibindo os proxectos para cada unha das actuacións que están comprometidas”, engadiu o alcalde.

Por outra banda, e tras máis de catro décadas, o saneamento do rural comeza a materializarse. “Contamos que en abril poida estar xa o proxecto supervisado pola Xunta de Galicia e que a Xunta poida iniciar a súa execución despois de 40 anos esperando polo saneamento rural”.

No tocante aos temas do “día a día”, lembrou a adxudicación do contrato de servizo de conservación e mantemento de zonas verdes, no que se incluíron zonas que antes non estaban contempladas, como O Bertón ou O Boial, e se incrementou o número de operarios, pasando de 29 a 49. O alcalde fixo tamén alusión ás podas que xa se están a realizar ou aos desbroces, que “comezarán no mes de abril”. Así mesmo, fixo fincapé no mantemento dos viais, para o que se fixo “un plan extraordinario o ano pasado” e agora estase a poñer o foco en vías nas que é preciso actuar, como xa se fixo na avenida de Compostela ou como se fará “en vindeiros días na estrada de Catabois”. “Temos un plan para incrementar os recursos para este fin”, informou Rey Varela, engadindo que se destinarán 1,5 millóns de euros para realizar os pintados necesarios en vías de toda a cidade. “Temos claro que os temas do día a día son unha prioridade”, aseverou.

Durante a conversa tamén se abordaron temas relativos ao benestar social, mencionando a inminente posta en marcha da residencia da Fundación Amancio Ortega en Ferrol -medida que fora iniciada polo propio alcalde na súa etapa como conselleiro da Xunta- e da residencia privada da estrada de Castela. Así mesmo, duplicouse o importe para o servizo de axuda no fogar, co obxectivo de que “este ano non teñamos ningún grao 2 sen que teña este servizo”.

Museo do Modernismo

Esta mesma semana deuse a coñecer que a primeira sede do Museo de Ferrol estará no centro cultural Torrente Ballester e hoxe, no marco desta conversa, anunciou que haberá unha segunda sede que será o Museo do Modernismo da que se ofrecerán máis datos en próximas datas.