II Festa da Caricatura Cidade de Ferrol: Balance xeral


Ferrol, xullo de 2016

Moi bo balance, sen dúbida; por varias razóns:

  • Descubrimos a obra do noso paisano Juan Carlos Alonso, un dos mellores caricaturistas de todos os tempos, absurdamente esquecido na Arxentina e totalmente descoñecido en España. Durante o mes de xullo os ferroláns puidemos admirar en Afundación a súa arte incomparable.
  • Convocamos dous certames internacionais para maiores e menores de 20 anos, que levan os nomes de dous extraordinarios caricaturistas galegos: Juan Carlos Alonso e Álvaro Cebreiro. A participación duplicou a da primeira edición, con debuxantes galegos, españoles, portugueses, italianos, brasileiros, cubanos e australianos. A calidade foi altísima e o xurado deliberou tres días para acordar os gañadores.
  • Ao longo do mes de xullo fixemos actividades varias para dar a coñecer os misterios e a maxia da caricatura. Leandro falou do debuxo en Sargadelos; Pinto e Chinto trataron, tamén en Sargadelos, da caricatura política e da narrativa infantil; e Siro deu en Sargadelos unha conferencia sobre Juan Carlos Alonso e foi ao Club de Campo para explicar que é una caricatura e como procede o caricaturista para chegar ao deseño que desexa.
  • O Premio Álvaro Cebreiro permitiunos descubrir un xove debuxante de trece anos, que ten a madureza artística dun adulto de talento. Andrés Simal ten un espléndido futuro.
  • O Premio Juan Carlos Alonso foi para o portugués Antonio Santos, a quen non hai que decubrir porque desde o ano 1994, en que acadou o primeiro trofeo como profesional, leva conseguido máis de setenta nacionais e internacionais.
  • Antonio Santos estivo con Onofre Varela, outro veterano caricaturista portugués, e os galegos David Pintor e Kiko da Silva, o sábado día 30, facendo caricaturas gratis no Parador, de 12 a 14 horas, a cantas persoas quixeron servirlles de modelo. Á mesma hora facían o mesmo labor na galería Sargadelos o galego Juan Carlos Abraldes e o arxentino Omar Pérez. Nos dous espazos o éxito foi espectacular: moito público desexoso de ser caricaturizado, e un equipo de caricaturistas especialmente inspirado.

Na III Festa da Caricatura Cidade de Ferrol costará superar o éxito da segunda, pero tentarémolo. Empezamos a traballar xa para conseguilo.