O Ateneo Ferrolán acolleu a inauguración da mostra "Galicia en Foco", e a entrega dos galardóns da XXVI edición


Ferrol, 18 de novembro de 2017

O venres 17 de novembro, nos Salóns do Parador de Ferrol, celebrouse o acto central do 30º Aniversario do Club de Prensa de Ferrol. Con asistencia de numeroso público invitado, ademais de autoridades rexionais e locais, e baixo a encomiable batuta do noso mestre de cerimonias, Xoán Barro, de TVE, socio fundador do Club, iniciouse a velada coa proxección dun vídeo, de 17 minutos de duración, no que se fixo un percorrido por todas as actividades desenvolvidas pola entidade cultural e de comunicación da nosa cidade que, na súa inmensa maioría, perduran na actualidade.

Fixeron uso da palabra o Presidente de Honra e socio fundador, Germán Castro Tomé, que resumiu a historia pasada da entidade, seguido pola intervención das autoridades académicas, municipais e autonómicas, destacando a do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, pechando o acto a actual presidenta do Club, Xulia Díaz Sixto, con palabras de agradecemento ás entidades e persoas que fan posible a actividades do Club de Prensa de Ferrol.

Acto seguido, obsequiouse aos asistentes cunha fermosa lámina do esgrevio pintor José González Collado, asinada e numerada para a ocasión. A continuación, o directivo do Club e cantante Xoán Rubia, deleitounos coas súas interpretacións de poetas galegos, como Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, e foráneos, como Federico García Lorca. Como broche final da súa actuación, cantou o seu popular "Catro vellos mariñeiros", que foi coreado, con éxito, por todos os asistentes.

Finalizou a celebración do aniversario cun cóctel servido aos invitados nos Salóns principais do Parador, soprándose as 30 candeas da tarta do noso celebrado aniversario. Ao remate un gran final de festa, dunha fermosa e emotiva xornada.

Repetindo unha das frases mais escoitadas no acto, desexámoslle ao noso querido Club de Prensa de Ferrol, polo menos, outros trinta anos de vida fecunda. Esperámosvos, novos xornalistas ferroláns! Vosa é a continuidade no futuro inmediato.

Crónica: Rafael Permuy. | Fotos: Manuel Galdo