Entrega de Galardóns aos gañadores da 4ª edición do Premio de Xornalismo "Luis Mera"
O sábado 14 de abril, nos Salóns do Parador de Turismo de Ferrol, tivo lugar a cerimonia de entrega dos galardóns obtidos no 4º Premio de Xornalismo "Luís Mera" polos xornalistas Raúl Villares e Beatriz Antón. A presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto referiuse a importancia de incentivar o labor dos novos xornalistas dos medios de comunicación de Ferrolterra.
O gañador, Raúl Villares, xornalista radiofónico de Radio Galega, recibiu un premio de 1.000 euros e unha obra artística alegórica da que é autor o artista Manuel Patinha, que asistiu á cerimonia. Raúl Villares agradeceu o galardón recibido e reivindicou a figura do reporteiro, unha figura da profesión hoxe en día en claro retroceso, a pesar da súa importancia.
Beatriz Antón, xornalista de La Voz de Galicia, foi premiada co accésit e recibiu outra figura artística de Patinha. Na súa alocución de agradecemento incidiu na importancia de incluír os temas sociais e humanos nos nosos medios informativos.
Tras o acto protocolario, os agraciados foron obsequiados unha comida de irmandade no citado establecemento hostaleiro, á que asistiron os membros do xurado e gañadores do premio en anterior ocasión.
Crónica e fotos: Rafael Permuy