Diego Calvo reclama o tren de proximidade gratuíto entre Ferrol e Narón e critica o retroceso no servizo ferroviario cara á Mariña
Este venres 10 de outubro e coa asistencia do Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, deu comezo unha nova xeira das “Conversas no Parador”, os encontros informativos que no citado centro hostaleiro de Ferrol ven organizando o Club de Prensa de Ferrol coa participación de xornalistas de diversos medios de Comunicación.
Nesta ocasión, e por primeira vez desde que se veñen celebrando “As Conversas”, no exterior se sucederon protestas de traballadores de Alsa e sindicalistas da CIG, debido ao conflito laboral que os mantén en folga indefinida desde o 15 de xullo, tema ao que se referiu moi brevemente durante a súa intervención o Conselleiro da Presidencia , sinalando que “este é un problema que ten a CIG coa empresa”, polo que o aconsellable é falar coa empresa, dado que a Xunta de Galicia xa pediu á CIG e os traballadores que falen coa empresa, á que tamén pediu “arranxar o asunto”.
Xa na intervención do convidado e debido a que as protestas dos traballadores se escoitaban no interior do Parador de Turismo, nalgúns momentos interrompeuse moi brevemente a intervención e mesmo se valorou a posibilidade de trasladala de sala, algo que declinou o propio Diego Calvo.
Transporte Ferroviario
Mentres tanto o Conselleiro de Presidencia foi dando conta da súa intervención na que fixo fincapé na situación do transporte ferroviario, un asunto que segundo dixo “preocupa desde hai anos e hai que pór solucións encima da mesa, pois deixou atrás a cidades como Ferrol e Lugo, onde son necesarias unha mellora das infraestruturas”, subliñando que en Ferrol “aínda non hai convenio para a estación intermodal, cando outras cidades galegas xa a teñen en marcha”. Engadindo que “para que o tren en Ferrol volva captar usuarios, ten que ser competitivo”, polo que a duración das viaxes “seguen sendo o principal problema, ao tardar unha hora e media en ir até A Coruña, cando por autoestrada realízase en menos de 45 minutos”. Asegurou tamén que “a duración da viaxe por tren non debería exceder os 50 minutos”. Por todo elo insistíu na necesidade da “actuación no bypass de Betanzos”, que segundo asegurou “é” fundamental para reducir en dez minutos esta viaxe, como tamén o desdobramento da liña nalgúns tramos, “para que poidan coincidir trens en ida e volta”.
Segundo o Conselleiro de Presidencia “a Xunta de Galicia ten identificadas as incidencias existentes actualmente en todos os puntos quilométricos da liña Ferrol-A Coruña”, e engadiu, “o goberno central tamén o sabe”, polo que demandou “poder ter un contacto continuo con Renfe, xa que na actualidade non ten resposta ás melloras na AVE a Galicia tras varios meses de servizo, ao haber incidencias no 90% das viaxes”.
Inclusión de Ferrol no Corredor Atlántico
Sobre este tema Diego Calvo asegurou que “a inclusión de Ferrol no corredor atlántico de mercadorías é fundamental”, nun tema “que non vai de partidos políticos”, dentro dun contexto onde a Unión Europea quere reducir o seu transporte por estrada e potenciar o ferrocarril “ao ser menos contaminante”, pondo en valor o traballo realizado polas administracións e empresas no corredor mediterráneo, “algo que debe suceder tamén no atlántico para conectar O Porto con Vigo e que este poida chegar a Ferrol”, co que “impulsaríanse os futuros usos do acceso ferroviario ao porto exterior que actualmente está a executar a Autoridade Portuaria, dotando as obras de 76 millóns de euros”.
Preocupación polo estado de FEVE
Diego Calvo tamén se lamentaba do estado de FEVE “que está a marchar cara atrás a pasos axigantados nos últimos anos”, para engadir que o tren debería de realizar un labor importante, “ao conectar a estación do tren con toda a zona urbana da cidade e chegar até Xuvia”, pero, insistiu “o tren parece saído dunha película de zombis, sen persoal en ningún sitio e con moito atraso, polo que é normal que os usuarios baixen”. Tamén pediu a gratuidade destas viaxes “debido aos anos de abandono desta liña”, poñendo como exemplo “unha medida que o goberno central non dubidou en tomar en Asturias e Cantabria cando nas obras dun dos túneles equivocáronse na ancho das vías”.
Pacto de Estado por Ferrol
O conselleiro tamén lembrou o Pacto de Estado por Ferrol asinado pola Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol, e que non asinou a Deputación da Coruña nin polo goberno central. Dentro deste Pacto de Estado por Ferrol figuraban as obras da Cidade do Deporte “que foi posto como exemplo en moitas cidades”, esperando que nas próximas datas poida “licitarse este proxecto que afecta a catorce instalacións deportivas da cidade” nunhas infraestruturas que estaban practicamente inservibles e cun proxecto que está a deseñar o Concello de Ferrol en colaboración coas entidades deportivas e con financiamento repartido ao 50% entre a administración autonómica e a administración local.
Abrir Ferrol ao mar
Para o conselleiro da Presidencia, outro dos puntos clave é o proxecto de “Abrir Ferrol ao mar” co obxectivo de “humanizar a entrada á cidade, con vías para camiñar, ir en bicicleta e zonas verdes” porque segundo declarou “afecta a unha zona na que hai necesidades de aparcadoiro, agardando que esta obra poida estar licitada antes de finalizar o ano”.
Xulgado de violencia de xénero en Ferrol
Diego Calvo foi preguntado pola posible creación dun Xulgado de violencia de xénero en Ferrol, algo que está solicitado ao Ministerio de Xustiza. A idea da Xunta de Galicia era facer un xulgado nesta materia a nivel comarcal, aínda que probablemente non se poida levar a cabo nun futuro próximo “xa que dependemos da resposta do Ministerio e rumoréase que a falta de Orzamentos Xerais do Estado poida paralizar isto”.
Ademais engadiu que “en caso de recibir o prace por parte do Ministerio para a creación deste novo xulgado, deberase buscar unha nova localización, debido que o actual edificio dos Xulgados de Ferrol está completo e habería que falar co Concello de Ferrol para a cesión dalgún terreo”. Neste caso non descartou chegar a un posible acordo para adquirir un dos edificios contiguos ao actual xulgado.
Cesión da titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia
O conselleiro tamén fixo á solicitude por unanimidade do Parlamento de Galicia ao goberno central da cesión da titularidade da AP-9 á Xunta de Galicia, en detrimento de Audasa. O propio Diego Calvo foi un dos relatores no Congreso dos Deputados desta iniciativa autonómica, pero a situación está aínda en período de alegacións, que se poden alargar tantas veces como se queira, algo que está permitido polo regulamento da cámara, sinalando que na anterior lexislatura o PSOE “prorrogouna até en quince ocasiones”, e na actual lexislatura “xa van seis prórrogas”.
Ao mesmo tempo criticaba as palabras do ministro de Transporte e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, que cualificaba esta cesión da titularidade en 4.000 millóns de euros “sostendo ese número sen datos concretos”, cando no estudo realizado pola Xunta de Galicia cunha consultora externa cifrábao en 1.500 millóns de euros, e mesmo poderían ser 900 millóns de euros, segundo o estudo realizado polo BNG coa Universidade da Coruña.