A “Foto do Ano” e a “Foto Reportaxe do Ano” da 33ª Edición de "Galicia en Foco" serán premiadas no Certame que convoca o Club de Prensa de Ferrol
A “Foto do Ano” e a “Foto Reportaxe do Ano” da 33ª Edición de "Galicia en Foco" serán premiadas no Certame que convoca o Club de Prensa de Ferrol.
O Club de Prensa de Ferrol convoca a 33ª edición do certame Galicia en Foco no que por primeira vez premiarase a FOTO DO ANO de Galicia en Foco e a FOTO-REPORTAXE DO ANO de Galicia en Foco correspondente a 2023 entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2023. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.
Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia.
As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2023 e o 31/12/2023.
Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano de Galicia en Foco, dotado con 750 euros e Foto-reportaxe do Ano de Galicia en Foco, dotado tamén con 750 euros), no que cada fotoxornalista poderá concorrer so a un.
Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace, onde figuran as bases que rexen o presente certame.
O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais. O prazo de recepción remata o día 17 de outubro de 2024 ás 14.00 horas.