Descripción del proyecto

#DefendeAGalega gaña a XV edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa


Ferrol, 13 de abril de 2019

#DefendeAGalega, a mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, vén de gañar a XV Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. O fallo deuse a coñecer esta mañá no Centro Torrente Ballester de Ferrol. O acto contou coa participación de Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de FerrolFrancisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso, e Jorge Suárez Fernández, alcalde de Ferrol

O acto abriuno a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, quen comezou lembrando aos traballadores e traballadoras da RTVE na súa reivindicación de que os debates electorais teñan con escenario os medios públicos. A presidenta, quixo tamén facer unha lembranza a José Couso, aos seus familiares e amigos que seguen na busca de xustiza. Francisco X. González Sarria aproveitou a ocasión, "xa que os partidos políticos están inmersos en campaña", para reclamar "unha investigación que faga xustiza" para José Couso e que se revisen as reformas "que limitaron a aplicación en España da xurisdición universal". O decano do Colexio de Xornalistas deu paso á lectura do fallo, non sen antes destacar que todas ás candidaturas "representan o valor de contar as cousas que o poder non quere que sexan contadas". Tivo tamén unhas palabras para a recente detención de Julian Assange, fundador de WikiLeaks, organización galardoada en 2011 co Premio Couso"sobre a que cabe poñer lupa, incidindo unha vez máis en que non hai democracia real sen liberdade de prensa".

Darío Janeiro, como secretario do premio, deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Nela recóllese que o premio foi creado para lembrar "cada ano que son moitos, demasiados sempre, os xornalistas que perden a vida no exercicio da súa profesión”, facendo unha mención especial ao asasinato de Jamal Khashoggi no consulado de Arabia Saudita en Istanbul.

Abertos os votos, e recontados polo notario, este levantou acta da repartición dos mesmos entre as catro candidaturas que optaban ao galardón. Como consecuencia deste escrutinio, resultou vencedora, con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado, a candidatura de #DefendeAGalega. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

Pechou o acto o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, expresando os seus parabéns á plataforma gañadora, recoñeceu a súa valentía polas reivindicacións que están a facer, cando o que esta en xogo son postos de traballo, Suárez sinalou que "a dignidade, a honestidade, a coherencia e a liberdade son valores que hai que defender, pero tamén hai que defender que a profesión de xornalista sexa retribuída dignamente." Finalmente, contactouse vía telefónica con Tati Moyano, en representación de #DefendeAGalega, quen agradeceu en nome de todo o colectivo este recoñecemento, co cal espera que se escoiten as reivindicacións dos e das traballadoras da Galega. Confirmo a asistencia de representantes da iniciativa o vindeiro día 3 no Teatro Jofre de Ferrol.

A CANDIDATURA PREMIADA

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais. Esta loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos, conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de información, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos.

#DefendeAGalega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega. Ao longo destes meses, #DefendeAGalega realizou numerosas mobilizacións que inclúen a manifestación pola dignidade dos medios públicos o 8 de setembro do ano pasado, paros parciais en varias xornadas de novembro e decembro ou unha folga de 24 horas o pasado 19 de decembro. Nese tempo, a Comisión de Regulamento do Consello de Administración da CRTVG puxo en marcha o debate sobre a creación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos que dispón a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, pero tamén se produciron expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo de #DefendeAGalega.

#DefendeAGalega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das "Ás Ceibes".

Foto: CPXG. Na imaxe de dereita a esquerda, Darío Janeiro, secretario do CPXG; Francisco Sarria, decano do CPXG; Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, e a presidenta do CPDF, Xulia Díaz.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.