Carole Cadwalladr, #DefendeAGalega, o 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe, e Juan Moreno, candidatos ao XV Premio Couso
Catro candidaturas concorren este ano ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol: a xornalista de The Guardian, Carole Cadwallar, os traballadores dos medios públicos galegos mobilizados baixo o lema #DefendeAGalega, os medios afectados pola intervención do caso Cursach (Diario de Mallorca e as delegacións en Palma de Europa Press e Efe) e Juan Moreno, o xornalista español que desvelou a fraude de Claas Relotius en Der Spiegel.
Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. Dende hoxe e ata as 14.00 horas do 5 de abril, os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol poderán elixir a candidatura gañadora.
SOBRE OS CANDIDATOS
Carole Cadwalladr
Xornalista de The Guardian e do seu dominical, The Observer, comezou en 2016 unha investigación que acabou desenmascarando o escándalo de Cambridge Analytica, a maior filtración de datos persoais de Facebook, para influír nos votantes de Estados Unidos nas eleccións presidenciais de 2016. Segue sometida a presións e ameazas polas súas investigacións.
#DefendeAGalega
#DefendeAGalega é o lema da mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades.
Medios de Baleares
O Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe foron vítimas en decembro de 2018 de rexistros, requisición de material e investigación das súas comunicacións por orde do xuiz Miguel Florit en relación coa publicación de información sobre o caso Cursach. O xuíz buscaba datos sobre as súas fontes de información, nun atentado intolerábel contra o segredo profesional.
Juan Moreno
Xornalista español radicado en Alemaña e colaborador de varios medios, realizou pola súa propia conta unha investigación sobre as fontes da reportaxe "Jaegers Grenze", publicada por Claas Relotius en Der Spiegel, que desvelou a fraude xornalística protagonizada por unha das estrelas do xornalismo alemán no tempo das fake news.
AS VOTACIÓNS
Coa proclamación das candidaturas queda aberto o prazo de votación. O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá o gañador. Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar desde hoxe ata as 14:00 horas do 5 de abril co seu usuario e contrasinal na parte privada da Web do Colexio de Xornalistas. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal.
O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. O acto de entrega terá lugar o día 3 de maio en Ferrol.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As catorce edicións anteriores foron para Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
Club de Prensa de Ferrol e Colexio de Xornalistas de Galicia