Presentación do Nº 31 da revista FerrolAnálisis que edita o Club de Prensa de Ferrol


Ferrol, 01 de marzo de 2019

Cunha importante presencia de público, para o que houbo que instalar máis cadeiras das previstas, presentouse o venres 1 de marzo, na sala Carlos III de Exponav, o nº 31 da revista do Club de Prensa FerrolAnálisis.

É este o número que probablemente conleva máis ferrolanismo dos publicados ata agora. Na mesa estiveron Xulia Díaz presidenta do Club, Esperanza Piñeiro, directora da revista, o profesor Vigo Trasancos que aporta un excelente traballo no apartado de Ferrolterra-Historia e o alcalde de Ferrol Jorge Suárez. Logo dunha breve e concisa presentación a xeito de salutación da presidenta do Club de Prensa interveu Esperanza Piñeiro que fixo un exhaustivo resumo do contido da publicación nos seus respectivos apartados.

O catedrárico Alfredo Vigo Trasancos nunha maxistral intervención aproximounos á creación do emblemático barrio da Magdalena de Ferrol facendo mención á primeira casa que alí se construíu, na que hoxe é rúa do Sol, a casa de Pedro Buzeta, para despois abondar nos aspectos da grande potencialidade que ten Ferrol urbanísticamente falando de elementos que a poderían levar, non sen dificultades, á candidatura para aspirar a ser nomeada Patrimonio da Humanidade. Cando falaba das dificultades referiuse á dispersión dos elementos, algúns dos cales carecen da utilidade que habería que lle dar reactivándoos e das actuacións industriais que se fixeron dentro da ría que xa non teñen remedio. Foi, na opinión de moitos, unha lección maxistral.

Rematou o alcalde cunha axeitada intervención felicitando ó Club de Prensa de Ferrol polo seu traballo cultural no eido da comunicación a prol dun meirande coñecemento de todo o que ten que ver con Ferrol e contorna. Os asistentes tiveron como agasallo un exemplar da revista-libro de 318 páxinas, con 36 achegas e unhas excelentes ilustracións do pintor ferrolán Andrés Gabarres Cagigao.

FerrolAnálisis é unha creación do Club de Prensa de Ferrol, que saíu a luz por vez primeira en setembro 1990. Os seus trinta e un números son un fito no mundo editorial ferrolán. Articulada nas diferentes seccións que a veñen conformando, este número ten un marcado carácter ferrolán, sen esquecer os temas literarios, históricos, de comunicación e das diversas manifestacións artísticas.