A xornalista e escritora Noemí Sabugal segunda participante nos “Encontros Bercianos” no Ateneo Ferrolán


Ferrol, 7 de febreiro de 2020

O Xornalismo literario, entendido como capacidade para crear textos que sexan á vez xornalismo e literatura, é un tema que a escritora e xornalista Noemí Sabugal ten estudado polo miúdo como acredita o seu ensaio Cómo trabajar en prensa y alimentar a la musa, recollido no volume sexto da Biblioteca Enrique Gil y Carrasco, que recompila toda a obra que este autor do Romanticismo español publicou nos principais xornais do século XIX.

Noemí Sabugal que se considera “berciana de adopción” e forma parte do colectivo de xornalistas que fan literatura, participou o venres 7 de febreiro nos Encontros Bercianos que o Club de Prensa de Ferrol ven organizando no Ateneo. Nesta ocasión Noemí Sabugal e a xornalista ferrolá Rebeca Collado, conducidas por Eduardo Fra Molinero, falaron sobre o xornalismo literario e a última novela de Sabugal “Una chica sin suerte”, compartindo inquedanzas e reflexións sobre toda a súa obra literaria entre xornalistas do Bierzo e Ferrol.

Noemí Sabugal (Santa Lucía de Gordón, León, 1979) é escritora e xornalista. Autora das novelas El asesinato de Sócrates, finalista do XI Premio de Novela Fernando Quiñones, que foi elixida polo Ministerio de Cultura para representar a España no XI Festival Europeo de Primeira Novela de Budapest; Al acecho, gañadora do Premio de Novela Felipe Trigo; e Una chica sin suerte, sobre a cantante de blues Big Mama Thornton. Tamén publicou relatos en varias antoloxías, como Retrofuturismos e Wollstonecraft, hijas del horizonte, do proxecto Hijos de Mary Shelley, ademais do ensaio Como trabajar en prensa y alimentar la musa, recollido no volume sexto da Biblioteca Enrique Gil e Carrasco, que recompila toda a obra deste autor do Romanticismo español.

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 2005 obtivo o Premio de Xornalismo de Castilla y León Francisco de Cossío pola reportaxe De cruce de caminos a cruce de culturas, sobre a inmigración no barrio leonés del Crucero, publicado en El Mundo-La Crónica de León. É columnista do diario La Nueva Crónica e colabora en varios medios de comunicación como a Cadena Ser, Zenda e a revista Leer, cunha sección sobre literatura e cinema chamada Tinta e celuloide.