Ethel Vázquez asegura que tanto a estrada que comunica Valdoviño con Cedeira, como a AC-862, entre San Sadurniño e Ortigueira, estarán en obras este verán.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou o martes 25 de febreiro no ciclo “Conversas no Parador” que organiza o Club de Prensa de Ferrol, no que comezou declarando: “A miña intervención ía ser a mesma convocáronse ou non as eleccións”, para anunciar na súa intervención que os rapaces menores de 21 anos poderán viaxar gratis nos buses que comunican Ferrol con outras cidades galegas, como A Coruña ou Santiago. Será, como xa ocorre nas liñas urbanas, co cartón Xente Nova, que na zona de Ferrol conta con 9.000 beneficiarios, e a previsión é que poida facerse en setembro, coa entrada en vigor do segundo paquete do novo Plan de Transporte Público de Galicia, en licitación. Esa nova fase permitirá rebaixar o billete para o resto dos usuarios, que roldará os 4 euros no caso da liña Ferrol-A Coruña, “un 60 % máis barato” que agora.
A conselleira cualificou de “éxito” o novo servizo de transporte público implantado en Ferrol co inicio do ano, destacando a mellora das conexións coa zona dos hospitais, e a implantación da parada no Naval, reiteradamente reivindicada.
Tamén no capítulo de infraestruturas, a conselleira afirmou que tanto a estrada que comunica Valdoviño con Cedeira, como a AC-862, entre San Sadurniño e Ortigueira, estarán en obras este verán. E que cun prazo de execución de once meses, ambas as melloras estarán concluídas ao ano seguinte, para o estío do 2021.
Ferrocarril
Sobre o tren alegou non ter competencias, pero reclamou melloras na liña entre Ferrol e A Coruña que sitúe o obxectivo no corenta minutos por viaxe. Tamén se referiu ás incidencias “bastante graves e moi continuas” nas liñas da antiga Feve. Sobre a estación intermodal, defendeu a necesidade de afrontar o proxecto con carácter previo a dispor de rutas competitivas, apuntando unha “importante” actuación sobre a praia de vías para que estea adaptada para a chegada de trens de alta velocidade. “Son complementarias e pódese actuar conxuntamente”, apuntou.
Saneamento rural
Tras as críticas do alcalde, Ángel Mato, nun medio de comunicación, onde asegurou que recibiu a negativa da conselleira a colaborar no saneamento do rural, a conselleira respondeu que os orzamentos da Xunta recollen xa un investimento de 3,1 millóns de euros (a partida para este ano é de 100.000 euros) correspondentes ao 25 % da actuación nas parroquias, pero lembrou que o 75 % debe achegalo o Concello. “Eu xa falei cos orzamentos da Xunta”, esgrimiu. “A min gústame facer obras, estou a desexar meter ese tres millóns de euros”, engadiu, pero: “Un responsable público ten que resolver os seus problemas en casa”.
Sobre o estado da tubaxe das Pías, Vázquez aduciu que “non podemos invadir as competencias municipais” e que é en Emafesa en quen recae o mantemento desa condución, que abastece a Fene, Ares e Mugardos. “A min o que me sorprende é que non se declarou unha emerxencia, porque está nunha situación límite. Eu suxiro que se faga, porque non está e creo que debería facerse hai semanas, pero iso teno que declarar o Concello de Ferrol”.
Entre os asistentes, “Conversas no Parador”, figuraban representantes de diferentes medios de comunicación; parlamentario galego e portavoz do grupo municipal do Partido Popular, José Manuel Rei Varela; o director do Parador, José Antonio Cedena Teodosio, o ex alcalde Vicente Irisarri e a presidenta do Club de Presa, así compoñentes do equipo directivo.