A exposición e a entrega de Premios a Miguel Muñiz e Xoán Soler, da 32ª Edición de Galicia en Foco, ao traveso da xenerosa ollada de Gustavo de la Paz
Foi unha festa! A entrega de distincións e inauguración da Exposición da 32ª edición Galicia en Foco, que tivo lugar o 21 de decembro deste ano no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, converteuse nunha auténtica celebración. O amplo abano de fotoxornalistas que ano tras ano veñen participando no Certame de Fotoxornalismo que desde 1989 ven convocando o Club de Prensa de Ferrol, puideron reencontrarse unha vez mais en Ferrol para compartir ideas e partillar ao redor do primeiro e mais antigo certame de Fotoxornalismo de Galicia, como subliñou o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, que presidiu a inauguración. Alí estaban tamén compartindo pareceres, fotoxornalistas ferroláns, compoñentes do xurado e seguidores do Club de Prensa de Ferrol que seguiron con interese as obras da exposición. Foi Gustavo de la Paz, tamén participante nesta edición o que cámara en man recolleu para a memoria de todos e todas os actos da entrega de premios e o ambiente festivo e de irmandade que un ano mais se fixo patente ao redor de Galicia en Foco e que nos mostrou ao traveso das redes sociais con esta mensaxe:
"En primeiro lugar, agradecer ao Club de Prensa de Ferrol por facer realidade este evento todos os anos e coa mesma paixón, foi incrible! A continuación, felicitar a todos os compañeiros e compañeiras que participaron nesta edición de Galicia en Foco, un pracer coñecervos. E como non, felicitar aos gañadores: o meu gran amigo Miguel Muñiz e a Xoán Soler, por contarnos estas conmovedoras historias desde esa óptica tan humana e de xeito tan rigoroso. Que luxo compartir espazo con todos os fotoxornalistas galegos para seguir aprendendo."
Gustavo de la Paz