O foto-xornalista Adra Pallón, recibiu o Premio “Galicia en Foco” no centro cultural “Torrente Ballester” de Ferrol


Ferrol, 26 de febreiro de 2021

O patio do Centro Torrente Ballester de Ferrol, acolleu o acto da entrega do premio a Adra Pallón, gañador da 29ª Edición de Galicia en Foco, que foi presidido polo concelleiro de cultura do Concello de Ferrol, Antonio Golpe. A serie "A clase traballadora fai posible as festas de San Froilán", tomada por Adra Pallón e publicada o 13 de outubro de 2019 no xornal "Viva Lugo. Diario Cultural de Lugo", obtivo o Premio de foto-xornalismo "Galicia en Foco 2019" que outorga o Club de Prensa de Ferrol.

A serie premiada foi valorada polo xurado, “pola calidade de todas e cada unha das fotografías que a conforman, como pola continuidade do discurso narrativo que envolve toda a serie”.

O Premio “Foto do Ano” de Galicia en Foco, consta dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 1.000 euros. A exposición das obras presentadas nesta edición permanecerán na Sala de Proxectos do Torrente Ballester ata o 21 de marzo, para iniciar despois a itinerancia por outros lugares de Galicia.