A primeira xornada do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez reivindica as múltiples posibilidades de Galicia
Despois de analizar nas anteriores citas o fenómeno da globalización ou as migracións, o Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez regresou este mércores 1 de xullo coa súa XXVII edición ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol para analizar claves e realidades da situación de Galicia hoxe.
Ramón Villares: “Galicia non se comprende sen América”
Baixo o título xenérico de “Galicia, identidade e gobernanza no mundo actual”, a cita organizada polo Club de Prensa de Ferrol contou na súa palestra inicial coa presenza do prestixioso catedrático de Historia Ramón Villares, expresidente do Consello da Cultura Galega. Nunha intervención abeirada á relación entre Galicia e América, Villares destacou o traballo tanto dos emigrantes como dos exiliados para soñar e construír política e culturalmente unha peculiar identidade de Galicia. Falou dos seus símbolos (himno, bandeira, etc.), da creación de escolas e da defensa política de Galicia no contexto de Galeuzca e da España republicana, a través do Consello de Galiza, e do proxecto de futuro democrático, con nomes como os de Castelao, Seoane ou Díaz Pardo, entre moitos outros, tanto emigrados como exiliados. Sintetizando a súa conferencia, Villares afirmou que “Sen América Galicia non podería comprenderse. Alí se fixo riqueza, pero tamén se descubriu a cultura de Galicia e incluso a súa propia lingua.”
Henrique Monteagudo: “Retos do futuro da lingua galega”
A continuación, a propósito do tema da lingua, interveu o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, que falou dos retos aos que se enfronta hoxe o galego. Debullando as diversas leis e plans verbo do galego, así como a súa complicada situación pola perda de falantes e das competencias lingüísticas do alumnado que, en teoría, o estuda no ensino, Monteagudo fixo unha reflexión sobre a importancia da lingua como elemento definidor da identidade e da cultura galega ao longo da historia. Con referencia á situación actual do galego e á súa problemática proxección de futuro, falou tanto da relación co portugués como do agardado novo Plan Xeral de Normalización Lingüística que a Xunta está a piques de presentar, “e que tanta falta fai en ámbitos como o deportivo, o empresarial ou o das novas tecnoloxías”, insistiu.
José Manuel Andrade: “A Galicia rural: identidade, territorio e gobernanza nun país en transformación”
Xa pola tarde, as conferencias pasaron da Galicia rural á Galicia exterior, nos dous casos con elementos máis positivos do que podería parecer. O ciclo contou coa presenza do profesor da UDC José Manuel Andrade, que nunha palestra inzada de datos partiu dun territorio rural para falar das súas transformacións. A intervención analizou a realidade do rural galego nas últimas décadas, poñendo o foco na súa dimensión económica, territorial e identitaria. Partindo da perda de peso do emprego agrario, Andrade trazou un panorama protagonizado polo papel do rural como espazo produtivo clave para Galicia, con especial atención aos sectores agroalimentarios, destacando por volume e rendibilidade o sector leiteiro, así como o forestal-madeireiro, o vacún de carne e o vitivinícola. Advertindo, iso si, que de non ordenar o territorio, “o lume encargarase de ordenalo, como todos sabemos”. A súa intervención propuxo unha lectura do rural galego non como espazo residual ou nostálxico, senón como unha realidade “chea de falsos tópicos” en transformación, clave para comprender a identidade, a economía e o futuro de Galicia.
Christoph Schreinmoser: “Galicia no mundo: acción exterior, desafíos e oportunidades”
Finalmente, o profesor da UDC e director do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), Christoph Schreinmoser, analizou a posición de Galicia no escenario internacional a través da súa acción exterior e dos instrumentos que lle permiten proxectarse alén das súas fronteiras, fundamentalmente en Europa, no espazo da Lusofonía e en América. Partindo do marco xurídico e institucional existente, o analista abordou o papel dos diferentes actores implicados na internacionalización de Galicia, desde as institucións públicas ata o tecido económico, académico, social e a propia diáspora. O profesor concluíu falando sobre as oportunidades que se abren para reforzar a proxección internacional de Galicia nun mundo crecente de interdependencia.
O curso foi presentado na xornada matinal pola vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares; o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte; as súas directoras, Esperanza Piñeiro e Asunción López Arranz; así como a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, que lembraron a figura de Carlos Gurméndez e puxeron en valor unha actividade de “debate, reflexión e pensamento crítico”.
O expresidente da Xunta, lingua, cinema e música
A cita organizada polo Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, da Universidade da Coruña, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, continuará mañá, día 2 de xullo, o seu percorrido. Comezará ás 10:00 horas coa escritora e sociolingüista Pilar García Negro, que falará do paradoxo de contar cunha literatura de excelencia sen dispoñer dunha lingua plenamente normalizada. Ás 11:00 horas, o interese pasará á economía da man do catedrático de Economía e expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, que centrará a súa intervención no sector pesqueiro. A derradeira palestra da mañá será a do profesor e filósofo Alberto Sucasas, para analizar a traxectoria de dous dos directores de cinema con maior prestixio e proxección internacional do país, Óliver Laxe e Lois Patiño. Pola tarde, o dramaturgo e experto teatral Francisco Oti Ríos falará, a partir das 16:30 horas, sobre a importancia do teatro na construción da identidade galega e a xornada pecharase cunha actuación musical de Xoán Rubia e María Manuela, a partir das 17:30 horas.





