Project Description

Xoán Rubia presenta en Ferrol o seu libro “Pasaba por alí - E quedei un intre”


Ferrol, 20 de decembro de 2021

O venres 17 de decembro tivo lugar no salón de actos da sede de AFundación de Ferrol, a presentación do libro Pasaba por alí - E quedei un intre da autoría de Xoán Rubia, no que este repasa as diferentes etapas polas que transcorreu o seu camiñar pola senda da que se dou en chamar Nova Canción Galega. Ao acto asistiron malia o autor, Tati Mancebo directora comercial da editorial Galaxia e Xavier Alcalá escritor e autor do limiar do libro e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol.

Todos falaron da época na que comezou aquela aventura e do exercicio de memoria do autor para nos ir contando paso a paso como se foron desenrolando os acontecementos e as vicisitudes vividas naquel arduo camiño. Todos eles salientaron a importancia desta publicación na que o autor Xoán Rubia relata o seu paso pola música galega e fai a historia das inquedanzas dunha xuventude que neses tempos estaba a protagonizar un dos fitos mais importantes na recuperación da dignidade da lingua e cultura galegas nos últimos anos do franquismo. Polo que este libro, é unha peza clave para a información e documentación da historia dunha época importante en Galicia e que abrangue dende os últimos anos sesenta do pasado século ata ben entrada a etapa democrática.

Unha vez rematadas as palestras, Xoán Rubia acompañado do guitarrista Daniel Adzemian interpretaron algunhas cancións, achegas do Xoán Rubia a aquel movemento cultural e reivindicativo que nacía a finais do 1968 , e xa con gravacións de discos en 1969. Ao final do acto, Xoán Rubia asinou exemplares do seu libro ao numeroso público asistente.