Reivindicando o xornalismo como muro de contención das noticias falsas


Ferrol, 12 de xuño de 2020

Ante o monumento á liberdade “Ás Ceibes”, o Club de Prensa de Ferrol retomou a actividade interrompida pola Covid 19.

O Covid-19 paralizou todas as actividades públicas que tiña organizadas o Club de Prensa de Ferrol. Un dos actos impedidos no seu momento foi o “Premio Xosé Couso da Liberdade de Prensa”. Arestora, cando imos camiñando cara a chamada “nova normalidade” decidimos neste 12 de xuño de 2020, coas precaucións debidas, achegarnos ao monumento “As Ceibes” no Cantón de Molins para depositar alí un unhas flores iniciando así unha prudente reincorporación ás nosas actividades.

A xornalista ferrolá Rebeca Collado leu o manifesto que en condicións normais debera ser lido o día 3 de maio no mesmo lugar. Unha proclama na defensa do xornalismo e dos seus traballadores que xa pasaban por verdadeiras dificultades e agora co pesadelo da pandemia tórnanse máis complicadas se cabe. Participaron neste sinxelo acto a presidenta do Club de Prensa Xulia Díaz Sixto, directivos da entidade, socios da mesma e publico en xeral.

Na foto: Rebeca Collado lendo o manifesto.