Presentado o documental “FERROL e O CAMIÑO INGLÉS” de Mario LLorca Loureiro
Un proxecto do Club de Prensa de Ferrol, beneficiario do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.
Martina Aneiros valorou positivamente o traballo do Club de Prensa á hora de facilitar “o coñecemento dunha ruta histórica”
No acto de presentación celebrado este sábado 15 de outubro na Sala de Armas do Arsenal, a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros valorou positivamente o traballo do Club de Prensa á hora de facilitar “o coñecemento dunha ruta histórica”, ao tempo que contribúe ao “posicionamento do Camiño, de Ferrol e da marca Galicia”. Tamén destacou que este compromiso “se enmarca no propio espírito do programa O Teu Xacobeo que ten sido ata o de agora a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia”, poñendo de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega.
O documental, dirixido polo ferrolán Mario Llorca Loureiro, fai un percorrido por cada unha das poboacións polas que discorre o Camiño Inglés, comezando polo peirao de Curuxeiras salientado os valores paisaxísticos, patrimoniais, históricos e monumentais polo que discorre un percorrido que ó superar os cen quilómetros ten a posibilidade de acadar a Compostela.
No acto participou tamén a Tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Mayte Deus quen sinalou que o Camiño Inglés “se está a consolidar nos últimos anos como un dos principais recursos turísticos da cidade” e engadiu que a “suma de esforzos tanto de entidades como particulares e administracións públicas veñen prestando especial atención á nosa Ruta Xacobea, o que esta a dar os seus froitos” e que este ano 2022 estanse a superar todos os récords pois ata o 30 de setembro partiron de Ferrol para facer o Camiño 20.215 persoas e rematou felicitando ao autor do documental Mario Llorca Loureiro.
A Sala de Armas do Arsenal, lucía este sábado a quentura e atención dun público numeroso atento a proxección dun documental que nos descobre unha ruta que, partindo de Ferrol nos fai camiñar e desfrutar da esencia de Galicia, a través da súa xeografía marítima, urbana, e rural. Dunha paisaxe na que o mar, os ríos, bosques, pobos, e camiños, falan de nós porque como ben dixo D. Ramón Piñeiro a paisaxe de Galicia é unha paisaxe fondamente humana, como reflicte nun percorrido que desde o peirao de Ferrol, continúa polos concellos de Narón, Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Bruma, Ordes e Sigüeiro, rematando en Santiago de Compostela. Un documental que amosa e subliña o potencial do Camiño Inglés que hoxe por hoxe é xa, o terceiro dos Camiños Xacobeos en número de peregrinos.
Trala presentación oficial o vídeo será posto a disposición da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Ferrol, para a súa difusión nas oficinas de turismo e das canles de TV. Tamén terá lugar a presentación do documental nos concellos polos que transcorre a reportaxe.
Fotos: Xunta de Galicia