Presentación do libro "Curiosidades Ferrolanas" de Germán Castro
No Salón de Actos da Fundación Abanca, tivo lugar, o 27 de decembro , a presentación da última obra do xornalista e escritor Germán Castro Tomé, director que foi de Diario de Ferrol e actualmente Presidente de Honra do Club de Prensa. O libro de referencia leva por título "Curiosidades Ferrolás" e trátase dunha interesante selección de historias e anécdotas de Ferrolterra que o autor foi publicando no seu Blog.
Presidiu o acto o alcalde de Ferrol Jorge Suárez, que deu a palabra a Xulia Díaz Sixto, actual presidenta do Club de Prensa, quen glosou a figura e traxectoria do autor, dando paso, a continuación ao editor, Miguel Toval, que en breves palabras comentou a xestión e forma de publicación do libro, na colección "Biblioteca de Ferrolterra", da Editorial ferrolá Embora, próxima a celebrar os 25 anos de existencia.
O escritor e crítico literario Armando Requeixo, quen, ademais de ser prologuista do libro, apuntou o estilo de literatura xornalística utilizado por Man Castro, seguindo os pasos de reputados autores galegos que cultivaron o xénero, como Fernández Flórez, Cunqueiro, etc. e finalizou a súa disertación non sen antes solicitar do alcalde un acto oficial de homenaxe a Germán Castro, pola súa longa carreira xornalística e a súa abundante achega á vida cultural ferrolá.
Pechou o acto o alcalde da cidade, Jorge Suárez, que tomou boa nota da anterior petición de Requeixo, incidindo, de novo, na brillante e lonxeva actividade de Man Castro na súa vida profesional tan ligada a Ferrol. A continuación o autor procedeu á firma de exemplares da súa obra ao público, que encheu o Salón de Actos da Fundación Abanca. O acto foi organizado polo Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración da editorial Embora.
Texto: Rafael Permuy | Fotos:Manuel Galdo