O venres 3 de maio entrégase en Ferrol o XX Premio Couso, concedido a Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi


Ferrol, 02 maio de 2024

Este venres 3 de maio celébranse en Ferrol os actos de entrega do XX Premio Couso de Liberdade de Prensa. O galardón recaeu este ano nas xornalistas iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, que non poderán asistir por ter prohibido saír do país e mesmo contactar con organizacións do exterior, polo que será recollido de maneira simbólica por Amnistía Internacional e Reporteiros Sen Fronteiras. Os actos, organizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Concello de Ferrol, poderán seguirse tamén por streaming.

Os actos de celebración serán os seguintes:

17:30 horas. Ofrenda na estatua "Ás Ceibes", do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns. Lectura do manifiesto elaborado pola xornalista Marta Otero, a cargo da autora.

18.00 horas. Recepción por parte do alcalde e corporación municipal e sinatura no libro de honra da cidade, no Teatro Jofre (Praza de Galicia, s/n). (SÓ MEDIOS GRÁFICOS).

19.00 horas. Coloquio con Alfonso Bauluz (Reporteiros Sen Fronteiras) e Maribel Tellado (Amnistía Internacional), moderado pola xornalista Verónica Vázquez Cabez, no Teatro Jofre (Praza de Galicia, s/n). Ao remate do mesmo realizarase a entrega do premio, nun acto presentado pola xornalista Ada Romero.

A entrada aos actos é gratis até completar o aforo. Para todas aquelas persoas interesadas que non poidan desprazarse até Ferrol, os actos realizados a partir das 19:00 serán retransmitidos en streaming a través desta ligazón.