O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso nas “Conversas no Parador de Ferrol”


Ferrol, 10 de febreiro de 2022

O xoves 10 de febreiro o secretario xeral do PSdG, Valentín González Formoso participou nas “Conversas no Parador de Ferrol” onde sinalou que se sentía “moi defraudado coa postura de Feijóo, que se demostrou como “o do non”, que rexeita o reparto de fondos da UE, a reforma laboral ou o acordo das pensións, aínda a costa de prexudicar a Galicia. Polo que destacou "a actitude construtiva" dos socialistas galegos e propuxo un triplo acordo en industria, I+D e ciencia e servizos públicos.

O responsable socialista apuntou así a un acordo en servizos públicos, máis concretamente na sanidade, a partir da proposición de Lei do Grupo Socialista para limitar por lei as esperas en Atención Primaria até un máximo de 48 horas. Tamén propuxo un acordo en materia de I+D e ciencia, como eixo para “aproveitar o potencial de desenvolvemento de Galicia” e a transferencia de coñecemento desde o tres universidades galegas.

Proxectos eólicos

Tamén propuxo un acordo urxente en materia de industria e, concretamente, cun desenvolvemento eólico responsable, polo que se manifestou a favor do “sí as eólicas pero non á especulación, non de calquera xeito", polo que mantivo que “estaba disposto a mollarse por grupos que coticen no país”, mentres hoxe “máis da metade dos 16.000 megawatios corresponden a grupos madrileños que cotizan en Madrid”.

Formoso reivindicou a eólica como motor de desenvolvemento industrial de Galicia, pero asegurou que freará a “quen veña coa idea de que isto é un territorio berebere onde se poden instalar campos petrolíferos sen mirar pola poboación”. A este respecto, afeou que a Xunta “prefira quedar ben nun pleno e informar negativamente de todos os parques eólicos antes de sentar nunha mesa e escoller os que acheguen valor de país, sexan respectuosos cos propietarios forestais e entendan que unha granxa ten valor estratéxico e non se pode arruinar cunha liña de alta tensión”.

O líder socialista engadiu que “temos que ser capaces de compartir o prezo político da decisión” que beneficia ao emprego industrial e situar a Galicia na liña de recuperar a fabricación de compoñentes sustentables. González Formoso lanzou unha “aposta pola eólica e o hidróxeno” como solución á crise enerxética porque, dixo, “en Galicia temos auga e vento, temos a solución e chámase hidróxeno”, para a continuación engadir que estaba disposto a sentarse nunha mesa con todo o mundo para chegar a un acordo urxente sobre isto, xa que nos atopamos na etapa de planificación e non podemos esperar dez anos para as novas implantacións", aseverou González Formoso.

Referíndose ao hidróxeno sinalou que “a Unión Europea teno claro, tamén os países máis avanzados de maneira ambiental e industrial. E en Galicia, que é onde temos este recurso, non estamos a falar diso, salvo aquí, en Ferrol", remarcou o líder socialista antes de encomiar a aposta que realiza o alcalde ferrolán, Anxo Mato, pola eólica mariña.

As Pontes

Preguntado pola fábrica de neumáticos que se podería instalar nas Pontes, González Formoso apuntou que ese proxecto é unha iniciativa innovadora, que tería contratos con marcas europeas de vehículos eléctricos e levaría a creación un centro de deseño de neumáticos.

A fábrica podería dar emprego a moitas persoas das Pontes e das comarcas porque terá capacidade para absorber os 756 postos de traballo directos que implicaría a factoría. Tamén suporía un investimento de 430 millóns de euros, na súa primeira fase, e sería todo un proxecto para Ferrolterra, porque ademais engadiría unha importante actividade para o Porto de Ferrol con 176 viaxes diarios na súa primeira fase. Segundo as estimacións de González Formoso, esas cifras alzarían ao porto como o primeiro do norte de España en movemento de mercadorías. Ademais, a empresa pasaría a trasladar o seu domicilio fiscal de Madrid, ás Pontes.

Con todo, asegurou que quere ser prudente porque o proxecto esixe uns prazos moi estritos e moita axilidade na tramitación e non se deben crear expectativas ata que a planta está en marcha.

E sobre outros proxectos, Gonzalez Formoso sinalou que nas Pontes queren ser un referente no almacenamento de enerxía. Avanza que hai dous proxectos nese ámbito, un con hidróxeno e outro con bombeo hidráulico de 430 e 490 millóns de euros. O risco, di, "é a burocracia e a politización dos proxectos".

Comunicacións

Neste apartado González Formoso mostrouse partidario de acudir a oportunidade dos fondos europeos, sinalando que como comarca "temos que esixir ao Estado o mesmo que o Estado lle vai dar á Coruña", cunha conexión ferroviaria ao seu porto exterior en licitación. "Non é que sexa importante. É que sen ela temos unhas dificultades de futuro que nos van alonxar desa nova realidade que se chama alta velocidade", proclamou. “Sen ela queda o porto ferrolán que é a nosa xoia comarcal sen vantaxe competitiva” polo que afirmou que a “esixencia vai ser absoluta”, garantiu, pero convidou a "ser realistas" sobre a mellora da conexión entre Ferrol e A Coruña. “Non hai porque facelo todo dunha vez. Trátase de que sexamos capaces de concienciar ao Estado de que esta infraestrutura é imprescindible” e darlle ao ADIF “a oportunidade de que se poda executar, digamos, en cómodos prazos, sen renunciar á necesidade urxente e imperioso de que esta infraestrutura sexa renovada”.

O Naval

En canto ao sector naval, González Formoso situouse a favor da construción do dique seco cuberto para o estaleiro de Navantia Ferrol.
"Agora hai un investimento importante como é o taller de sub-bloques, de case 100 millóns de euros, pero sen o dique, non vai deixar de ser como unha bicicleta cunha soa roda, para lograr ese desexado índice de competitividade do estaleiro e que vai redundar en máis carga de traballo", engadiu.

Chan Industrial

O chan industrial, e a súa carencia, foi tamén outra das cuestións abordadas. "Ferrol, coa súa xoia portuaria ao lado, require só loxístico propio", sinalou aludindo a proxectos como o de Leixa e Mandiá, "sobre que espero que en breve teñamos noticias". Para engadir despois que que "Se Ferrol quere ter chan industrial, necesita ter un alcalde que dure dez anos. En catro anos é imposible, nin para Ángel Mato, nin para calquera outro candidato", engadindo que “é o momento de que a cidadanía faga unha reflexión de que ese estabilidade é un grande investimento para a cidade”.

Valentín González Formoso compareceu por primeira vez nas “Conversas no Parador de Ferrol” que ven celebrando desde o ano 2016 o Club de Prensa de Ferrol, en calidade de secretario xeral do PSdG, aínda que xa tiña participado en tres ocasión como Presidente da Deputación da Coruña e Alcalde das Pontes. No acto estivo acompañado polo primeiro tenente de alcalde do concello de Ferrol, Antonio Golpe, o secretario do PSdG da Coruña Bernardo Fernández, e concelleiros de Ferrol e Pontedeume.