O Presidente da Xunta de Galicia participou na “Conversas no Parador”
Alfonso Rueda defende o compromiso da Xunta con Ferrol que reserva nos presupostos para o ano 2023 113,3 M€ para melloras en sanidade, na rede viaria, nos servizos sociais ou no ámbito educativo en Ferrol, Eume e Ortegal.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca tal e como reflicten os orzamentos do Goberno galego para 2023 que reservan máis de 113 millóns de euros para melloras en infraestruturas viarias e sanitarias, impulsar o campus universitario e avanzar no saneamento do rural ou nos servizos sociais en Ferrol, Eume e Ortegal. Declaracións realizadas polo presidente da Xunta nas Conversas no Parador de Ferrol, nas que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o deputado autonómico e candidato á alcaldía de Ferrol, Manuel Rey Varela; o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; o director do Parador, José Antonio Cedena; o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz.
Rueda subliñou que Ferrol “é unha cidade importante para Galicia” e reclamou a colaboración das distintas Administracións públicas fronte “a un panorama que non é sinxelo” e esta comarca precisa proxectos de futuro e non “ocorrencias”, xa que advertiu “os empresarios o que reclaman, ademais de fondos e axudas públicas, é estabilidade e certezas” para a posta en marcha de proxectos transcendentais para toda Galicia e para Ferrol en particular.
Compromiso con Ferrol e comarcas
O titular da Xunta resaltou que nos orzamentos para o próximo ano -os máis altos da historia da Comunidade-, o Goberno galego reserva partidas concretas para proxectos cos que dar un novo impulso a Ferrol e comarca. Neste sentido, destacou os preto de 27 millóns de euros para a fase final da reforma e ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -aos que hai que sumar 5,1 millóns en equipamento de alta tecnoloxía-; os 8 millóns de euros para a Vía de Alta Capacidade Costa Norte; os 3 millóns consignados para reformar a residencia de Caranza; os preto de 4 millóns para o Campus Industrial -o primeiro especializado en Galicia- ou partidas específicas para o CIS Tecnoloxía e Deseño ou para mellorar o saneamento nas áreas do rural.
Rueda sacou a colación a necesaria colaboración institucional para pór en marcha proxectos de interese para a veciñanza e, nese sentido, lembrou que a ampliación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide están á espera de que se asine un convenio coa Administración local. Rueda tamén puxo como exemplo do compromiso da Xunta con Ferrol a posta en marcha en xaneiro deste ano da delegación do Goberno galego nesta cidade.
Implicación Institucional
O titular da Xunta reclamou durante a súa intervención maior implicación do Goberno central no futuro de Ferrol e a súa contorna. Tras lamentar a improvisada e abrupta transición enerxética que está a levar a cabo o Executivo "que provocou que Alcoa suspendera a súa produción de aluminio polo prezo da luz" ou a “reapertura” da central térmica das Pontes- e a nova subida das peaxes da AP-9, Rueda demandou concrecións desde o Goberno central para dar estabilidade e seguridade a Ferrolterra. “Non sabemos nada sobre os plans do Goberno central; o único que sabemos é que na súa maneira de entender a transición enerxética estaban equivocados, como se demostrou coa central térmica das Pontes, onde xa tiveron que rectificar”.
As oportunidades do Corredor Atlántico de Mercadorías
En concreto, o presidente autonómico resaltou a importancia de que o Corredor Atlántico chegue até Ferrol e de que o Goberno delimite xa as zonas de desenvolvemento da eólica mariña para contar coa máxima seguridade xurídica e garantir a súa compatibilidade coa actividade marítimo-pesqueira. Ademais, subliñou “é necesario ter en conta o papel que está a xogar esta comarca na industria de compoñentes para a eólica mariña, como as iniciativas xa anunciadas neste ámbito, como o proxecto Nervión no porto exterior de Ferrol ou a construción de 62 jackets de eólica mariña para o norte de Francia que Navantia e Windar van levar a cabo en Fene”.
Fondos Europeos
Rueda reclamou tamén ao Goberno que especifique os fondos europeos que van recibir proxectos estratéxicos para esta comarca como a fábrica de metanol verde de Forestal do Atlántico en Mugardos, a planta de pneumáticos que Sentury Tires prevé construír nas Pontes ou a de hidróxeno verde que Reganosa e EDP Renovables proxectan tamén neste municipio coruñés. O presidente da Xunta advertiu de que se se perden as oportunidades que ofrecen os fondos de recuperación, ou se Galicia queda fóra das grandes infraestruturas europeas, “non seremos competitivos” polo que asumiu a responsabilidade do Goberno galego ante estes retos, pero pediu tamén a implicación de toda a sociedade na súa procura.
Alcaldía de Ferrol
Tamén respondeu Rueda en calidade de presidente do PP de Galicia, a preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de cambio na alcaldía de Ferrol a partir de maio, ao que respondeu “sinceramente créoo” para engadir , "e de todas as cidades, teño en Ferrol unha especial esperanza e seguridade, sabendo que nada está gañado, e sabendo que o que se lle pide ao Partido Popular non é o mesmo que necesitan outros partidos, porque o Partido Popular en Ferrol xa gañou, e outros partidos, aínda perdendo as eleccións, poden ter a Alcaldía", expresou. Por isto mesmo, Rueda advertiu que o PP precisa "ese dobre plus" de "gañar as eleccións e facelo por maioría absoluta".