O escritor Alfredo Conde presentou o seu libro, “En canto a Fraga” en Afundación de Ferrol
Afundación de Ferrol acolleu este venres 10 de decembro a presentación do libro “En canto a Fraga” no quer o autor Alfredo Conde, conta a historia dunha amizade que acabou mal, e que Ézaro Edicións publicou recentemente. Trátase dun texto que relata a relación de amizade que mantivo o autor co ex-presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga, e que terminou de maneira abrupta no ano 2000.
A obra publicada simultaneamente en galego e castelán, foi presentada no auditorio de Afundación de Ferrol, nun acto que organizado polo Club de Prensa de Ferrol no que ademais do autor participaron a escritora e directora da revista Ferrol Análisis Esperanza Piñeiro de San Miguel, e do responsable de comunicación do Club de Prensa Xoán Rubia Alejos.
Na súa intervención, Xoán Rubia fixo un percorrido pola importante obra do escritor deténdose no Premio Nacional de Literatura pola súa novela escrita en galego "Xa vai o grifón no vento". Tamén referiuse ao primeiro contacto con Alfredo Conde aló no Santiago do 1969 cando este andaba implicado naquel movemento chamado da Nova Canción Galega dentro do colectivo Ceibes Voces.
En canto a Esperanza Piñeiro de San Miguel, que tivo unha extensa relación de amizade co autor, comezou a súa intervención cunha lembranza “cando en coñecín a Alfredo, en 1974, xa estaba comprometido con Galicia e coa literatura. Comprometido tamén coas liberdades e coa cultura”, para engadir despois “Unha vida chea de recoñecementos, de premios, pero tamén de duro traballo literario, con obras pulidas, ben estruturadas, dominio da linguaxe, literatura de calidade. Sen dúbida cumpriu o seu soño como creador e acadou á madurez como escritor”.
Xa en canto ao libro Esperanza Piñeiro, destacou que Alfredo Conde nos está a falar do pasado, “e fala de Fraga con serenidade e coraxe, cos coñecementos que lle aportaron os encontros e a amizade entre eles, aínda que con ideoloxías enfrontadas, pero co respecto mutuo e a comprensión de dúas persoas intelixentes e francas, comprometidas cada unha coa súa causa. Fala de Fraga, a quen considera culto, intelixente, tenaz. Un home de acción, singular e textualmente “coas súas cousas” e continuou dicindo ,“ Alfredo escudriña no pasado cunha mirada ampla. En certa medida este libro é unha historia dos primeiros anos da democracia e da autonomía en Galicia, que moitos de nós vivimos”.
Na súa intervención Alfredo Conde centrouse no libro En Canto a Fraga e dixo que era un relato de amizade e respecto cun home que foi quen de sobrevivir a súa propia historia, que a súa relación se mantivo perante moito tempo malia estar ambos os dous nas antípodas políticas, e que ao final rematou mal, como era previsible, por seren os dous de forte carácter.
Alfredo Conde naceu en Allariz, Ourense, en xaneiro, o día de Reis de 1945. A súa vida abrangue multitude de faceres: mariño, político, profesor, debuxante, libreiro, bancario,... El di que foi todas estas cousas para poder ser o que quería ser desde neno, escritor. Naceu no seo dunha familia da burguesía ilustrada, onde a ciencia e a cultura eran valores fundamentais.
Home comprometido socialmente, do seu pai César -galeguista confeso- herdou o seu amor pola súa terra e pola súa lingua. En 1986 obtivo o Premio Nacional de Literatura. Era a primeira vez que tan importante galardón se lle outorgaba a unha novela escrita nunha lingua española distinta ao castelán. Catro anos despois, esa mesma novela (Xa vai o Griffón no vento) recibiu o prestixioso premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira editada neses ano en Italia. Coa novela “Los otros días” conseguiu o Premio Nadal en 1991 e conta no seu haber co Premio da Crítica Española, en dúas oportunidades, co da Crítica Galega, ou máis recentemente, co Premio Ateneo de Valladolid concedido a súa novela “El beato”. É tamén autor dunha extensa e intensa obra periodística na que leva publicados máis de quince mil artigos.