O Club de Prensa de Ferrol presentou o Caderno FerrolAnálisis nº 36
“Exponav. Museo de la Construcción Naval. Mascarón de Proa de Ferrol”
A Sala Carlos III de Exponav acolleu esta tarde a presentación do Caderno Nº 36 de Ferrol Análisis, EXPONAV, Museo de la Construcción Naval. Mascarón de Proa de Ferrol, que o Club de Prensa de Ferrol dedicou ao Museo da Construción Naval.(Exponav) con motivo do seu XV Aniversario.
Nun acto, presidido polo Almirante do Arsenal, Ignacio Frutos Ruiz, como presidente da Fundación, no que participaron o Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a directora da Revista Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, e a Presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz e ao que asistiron entre outras autoridades, os portavoces dos grupos municipais do Partido Popular e PSdG-PSOE, María del Carmen Pieltain y Ángel Mato, así como os concelleiros de Cultura e de Educación de Partido Popular, José Antonio Ponte Far e Patricia Cons, así como os concelleiros do PSdG, Montserrat Dopico e Rafael Fernández Beceiro; o Xerente de Exponav, Rafael Suárez, o Comandante Xeral da Forza de Protección da Armada, xeneral de Infantaría de Marina Manuel García Ortiz; os oito relatores do Caderno e outros colaboradores de Exponav membros da directiva Club de Prensa, e numeroso público que ateigaba a Sala Carlos III, o Presidente de Exponav, dirixiuse aos asistentes expresando o seu agradecemento ao Club de Prensa por dedicar o novo caderno de Ferrol Análisis a EXPONAV, afirmando que estaba “maxistralmente dirixido pola catedrática e escritora Esperanza Piñeiro de San Miguel”.
O Almirante do Arsenal, Ignacio Frutos, continuou referíndose aos contidos da publicación sinalando que na mesma “repásase a historia da EXPONAV, a través de interesantes artigos dos que levaron e aínda hoxe levan o peso deste museo e sendo unha magnifica guía para coñecer a súa historia e o seu contido”, e continuou facendo un percorrido polos artigos dos ex-xerentes, que comezan con José Castro Luaces quen “descríbenos as súas orixes froito do labor de diversas institucións públicas, privadas e empresas, así como pola achega dun infinito número de colaboradores, que de maneira desinteresada e altruísta contribuíron ao que hoxe é este Museo”, engadindo logo que Jose María Cardona “fai un máis que interesante percorrido a través dos 9 anos que estivo de xerente, no que nos relata a consolidación da EXPONAV, levándoo aos altos estándares que hoxe gozamos”. De Rafael Suárez, actual xerente e Raúl Villa Caro, secretario, sinalou que "describen de maneira maxistral o pasado, presente e futuro da Fundación, o seu funcionamento, os seus obxectivos e os seus órganos de traballo e dirección” e continuo sinalando que no artigo de José Ramón Cancelo, "afondamos na intrahistoria, orixe de EXPONAV”, e engadiu que pechan o caderno tres interesantes artigos: o de Manuel Amable Romero que nos describe o proxecto de restauración deste singular e magnifico edificio que alberga ao Museo, “auténtica xoia da arquitectura do século XVIII, dirixido polo arquitecto Salvador (Kiko) Font, perfectamente recuperado no ano 2001 á súa condición inicial de 1781”; o de Ainhoa Leal, que ensínanos de maneira somera a "excelente biblioteca especializada e o arquivo documental, dúas importantes xoias desta Fundación”; e por último Cristina Vidal “lévanos da man e sérvenos de guía polas impoñentes salas do museo”.
Tras facer un breve resumo sobre a historia de Exponav o Almirante do Arsenal indicou que “como Presidente desta Fundación é un orgullo afirmar que EXPONAV, grazas ao esforzo do seus xerentes, colaboradores, traballadores, arquiveiros, guías, porteiros, mantedores etc, é sen dúbida, un dos mellores museos do mundo da súa temática”. “Non só polo museo, senón tamén polas diferentes e variadas actividades de toda índole de tipo cultural, que case diariamente levan a cabo na súa sala de Carlos III, EXPONAV chegou a ser un punto de encontro entre a sociedade, a industria e a comunidade científica, participando na vida cultural e social de Ferrolterra. Ademais, o Museo atópase moi comprometido coa comunidade educativa (unha mostra diso son as visitas dos centros escolares e os talleres divulgativos e científicos, dirixidos a nenos, nenas e mozas da comarca e de diferentes puntos da xeografía galega”.
Finalizou, dando as grazas de novo ao Club de Prensa, “estou convencido, que todos vostedes gozarán e apreciarán esta excelente obra, que ademais dos interesantes artigos introducidos, inclúe un anexo fotográfico”. Agradecemento que estendeu tamén ao “Presidente da Deputación por facer posible esta publicación e ao Alcalde de Ferrol pola súa presenza e apoio”; ó Xerente de Exponav, Rafael Suárez; ó contraalmirante, José Castro Luaces.
Exponav, un proxecto que merece a pena
Seguidamente tomou a palabra o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen agradeceu ao Club de Prensa de Ferrol e a Esperanza Piñeiro por divulgar a singularidade de “un museo que destila historia” e no que se poden descubrir “auténticas marabillas entre os seus fondos, como o pecio orixinal da fragata María Magdalena, as cadernas de embarcacións do século XVIII ou as maquetas dalgúns dos principais buques da Armada española que saíron das bancadas dos estaleiros ferroláns”.
“A historia de Exponav é tamén a historia dunha tarefa colectiva”, afirmou Formoso, que destacou o apoio de numerosas persoas e institucións á entidade ao longo da súa historia, entre elas, a da propia Deputación da Coruña “para a que é un inmenso orgullo formar parte do Padroado e colaborar de forma activa nos últimos anos tanto no mantemento e mellora das instalacións deste emblemático inmoble de Herrerías, como en divulgar en toda a provincia a singularidade e importancia dos fondos que atesoura este museo, orgullo da cidade, a comarca e a provincia”. Sinalou que o 15 % do emprego industrial da provincia desenvólvese en Ferrol, “unha cidade onde se fan os mellores barcos do mundo” e que conta cun ”museo único no seu ámbito en España dedicado a mostrar ao mundo a experiencia e a tradición centenaria da comarca de Ferrolterra no campo da construción naval, que é motivo de orgullo para esta comarca. Un proxecto que merece a pena e que ten aínda moito percorrido”.
Unha parte da esencia de Ferrol
Tras as palabras do presidente da Deputación foi Esperanza Piñeiro de San Miguel, directora da publicación a que se dirixiu aos asistentes sinalando a vinculación do Club de Prensa de Ferrol con Exponav onde, “nas súas salas vimos realizando moitas das nosas actividades”, “agora estamos aquí, dentro do que eu chamo gran cofre que atesoura enxeño e memoria, porque o que aquí se expón é froito do traballo de moitas persoas. Unhas persoas cunha gran capacidade intelectual, algunhas, figuras de renome, que buscaron solucións con audacia de pensamento, e dirixiron e asinaron proxectos dunha gran complexidade técnica e científica”. Pero, continuou sinalando “este museo homenaxea tanto ao traballo intelectual, como ao traballo manual ao longo da historia”.
Fixo tamén un resumo sobre a obra que se presentaba e os autores da mesma. Así, do primeiro artigo, da autoría de Rafael Suárez conxuntamente con Raúl Villa Caro, sobre a FUNDACIÓN EXPONAV, sinalou que nos “falan do seu funcionamento, os órganos e os fins da Fundación. Un ente privado no que participan moitas institucións e empresas, e aluden tamén ao traballo que se está realizando e aos proxectos de futuro”.
Do artigo de José Castro Luaces, que foi un dos pioneiros no proceso de creación do museo e estivo aí desde os anos 90 como un dos seus impulsores, sinalou que o primeiro xerente ata 2013, “transmítenos un enorme agarimo polo museo, ao que cualifica como unha obra preciosa. O título do seu artigo xa o di todo: “O fermoso camiño cara a unha obra magna. Unha tarefa colectiva”. E recalca o “tesón e entusiasmo de tantos colaboradores iniciais cando xurdían dificultades”.
O terceiro artigo é de José Ramón Cancelo Vigo, outro dos impulsores, pioneiros, ao que “eu recordo desde os seus inicios, facendo xestións, contactando con xente que podía achegar algo”. Escribe sobre a historia, as orixes de Exponav, os primeiros fondos, as primeiras viaxes para informarse, a firma dos primeiros convenios e o traballo para conseguilo.
José Mª Cardona foi o segundo xerente, entre 2013 e 2022, e no seu artigo titulado “A Consolidación”, aborda a ampliación e reestruturación do museo e as súas actividades. “Unha etapa moi significativa, co paso de ser Exposición Permanente a ser, desde 2017, Museo”.
O arquitecto Manuel Amable Romero, “ilústranos con rigor sobre como era o antigo edificio de Herrerías do Arsenal, do s. XVIII, e sobre o Proxecto de Restauración para uso Museístico, que non foi fácil. O resultado é este precioso cofre no que nos atopamos”. Ainhoa Leal escribe sobre a Biblioteca especializada e o Arquivo documental, “informando sobre os importantes fondos e coleccións que posúen, especificando a súa procedencia, todo iso para facilitar o labor investigador de quen o solicite”.
Por último, Cristina Vidal, “convida no seu texto a facer un paseo polo Museo, polas distintas zonas expositivas, unhas salas estruturadas segundo diferentes momentos históricos". Esperanza Piñeiro referíndose ao Anexo Fotográfico e Documental, engadiu que este contén “unha selección de fotografías seguindo a orde das diferentes salas que vai describindo Cristina Vidal no seu artigo, coma se dunha visita guiada se tratase", e finalmente engadiu, “Quero acabar cun desexo, unha anécdota e unha curiosidade”:
O desexo. A oferta museística de Ferrol é moi interesante. “O meu soño agora é que pronto se materialicen uns inicios, aínda que sexan modestos, dun Museo da Cidade de Ferrol”.
A anécdota. “Sempre trouxen a diferentes promocións dos meus alumnos a visitar o Arsenal, o Dique da Campá, o Museo Naval, a Sala de Armas, o Museo... E logo mandáballes ao alumnado que escribisen as súas impresións. Unha alumna puña ao final do seu escrito: Xa teño 17 anos e nunca, en toda a miña vida, ouvín falar nin imaxinei que detrás das murallas existisen cousas tan bonitas”.
E a curiosidade. Non cabe dúbida de que Ferrol é un pobo de mar, vivimos empapados en salitre e amamos ao mar. “Amar ao mar son palabras que se forman coa vogal a. E seguramente é unha casualidade, pero a min gústame fantasiar que esta é a razón de que inconscientemente só leven a vogal a, os topónimos con que, co paso do tempo, fomos denominando ás ribeiras remansadas próximas á cidade de Ferrol. Todas levan unicamente aes: A Gándara, Caranza, A Malata, A Cabana, A Graña (e mesmo á costa que os abarca denominámola con aes: Costa Ártabra. Todos estes topónimos están compostos só por aes, só levan a vogal a, a vogal a de amar ao mar. E terminou indicando que “este museo representa unha parte da esencia de Ferrol”.
Unha intelixente aposta pola cultura museística
Na súa calidade de presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz Sixto agradeceu as autoridades e asistentes ao acto a colaboración e presencia nas actividades que a entidade ven organizando e singularmente na presentación dun Caderno “que non dubidamos será moi ben acollido e demandado polo interese do seu contido, a calidade da súa factura, e porque fala de nós, da construción naval, os barcos e da navegación”, como se manifesta na publicación ,“Exponav. Museo da Construción Naval. Mascarón de Proa de Ferrol, desde cuxa cuberta saúdannos cun fermoso xesto acolledor e de benvida, Blanca Aurora, mascarón de proa da corveta do mesmo nome, que nos reflicte a intelixente e artística ollada fotográfica de José Pardo. O mesmo xesto acolledor, co que o Club de Prensa de Ferrol foi sempre recibido para celebrar nesta sala Carlos III, os actos de presentación de publicacións que fomos demandando, e co que vén recibindo a outras moitas entidades, aos milleiros de visitantes que ao longo do seu quince anos de venturosa existencia viñeron e veñen visitalo, demostrando o éxito dunha intelixente aposta pola Cultura Museística”, tralo que continuo engadindo “insisto no xesto acolledor, que tamén se fixo patente, cando a primeiros do pasado ano formulámoslle ao xerente de Exponav, Rafael Suárez a idea de facer un Caderno que conxugando as artes literaria e visual recollese a historia e unha ampla selección do valioso contido expositivo do Museo de Construción Naval, e aquí está. Grazas á suxestión de Rafael Suárez na relación dos oito relatores que deberían participar na súa elaboración, e grazas ó labor de Perico Castro, autor dos seis Mascaróns que o ilustran, ás fotografías de Cristina Vidal e de José Pardo, a creatividade e oficio na maquetación de Ismael González de Proxectos Gráficos Aldine, e a coordinación e revisión da directora, Esperanza Piñeiro de San Miguel, hoxe estamos a celebrar a realización dun sono como era o de poder agasallar a Exponav con este Caderno”. Unha publicación coa que tentamos dar unha pequena resposta a esa necesidade que xorde en nós, cando tras visitar unha exposición, un museo ou calquera outra manifestación artística que nos conmove e emociona, e que para mantela na memoria, buscamos unha mostra gráfica que se manteña no tempo. “Era a nosa pretensión, facer posible que Exponav o Museo da Construción Naval de Ferrol, viaxase en forma de libro para dar a coñecer e non esquecer, o moito que Ferrol aquí ten. E todo isto foi posible grazas á colaboración da Deputación provincial da Coruña, do Concello de Ferrol, e do Almirante e xestores de Exponav”.
Uunha cidade que naceu para facer barcos
Xa por último o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, repasou a historia dunha cidade que “naceu para facer barcos” e destacou que a Fundación Exponav recolle con éxito ese legado desde hai 15 anos, porque “entre os obxectivos da entidade figuran expor e conservar o patrimonio técnico e documental relativo á construción naval, todos eles cumpridos grazas ao Museo da Construción Naval, que cada vez atrae a atención dun maior número de visitantes”, asegurou o rexedor. “Ao longo de tres séculos a Armada foi un mascarón de proa de Ferrol, Ferrol e a Armada cos que compartimos os bos e malos momentos”. “Exponav e o seu Museo son un factor máis a engadir á lista de elementos que nos fan estar orgullosos da nosa cidade”. Neste sentido, o alcalde mostrou o seu agradecemento a Exponav polo seu labor e fíxoo extensivo ao Club de Prensa de Ferrol, “unha das grandes asociacións relacionadas cos medios de comunicación”, que desenvolve unha intensa actividade con traballos “tan interesantes como o que hoxe se presenta”.