O Club de Prensa de Ferrol convoca a edición Nº 34 do certame Galicia en Foco, para elixir a Foto do Ano de Galicia en Foco e a Foto- Reportaxe do Ano de Galicia en Foco
Ata o 24 de maio estará aberto o prazo de presentación ao certame
O Club de Prensa de Ferrol convoca a 34ª edición do certame Galicia en Foco no que premiaranse a Foto do Ano de Galicia en Foco e a Foto-Reportaxe do Ano de Galicia en Foco correspondente ao ano 2024, entre aquelas imaxes que foran publicadas nos medios de comunicación ao longo do ano 2024. Coas fotos e foto-reportaxes seleccionadas montarase unha exposición que terá carácter itinerante por diversas cidades e vilas de Galicia e elaborarase un catálogo para dar a coñecer e difundir a obra seleccionada entre as fotos presentadas.
Poderán concorrer os foto-xornalistas cun traballo de tema galego ou relacionado con Galicia. As fotografías deberán estar publicadas en medios de comunicación (papel ou dixital) de cabeceiras recoñecidas entre o 01/01/2024 e o 31/12/2024. Créanse dous apartados de participación (Foto do Ano de Galicia en Foco, dotado con 750 euros e Foto-reportaxe do Ano de Galicia en Foco, dotado tamén con 750 euros), no que cada fotoxornalista poderá concorrer so a un.
Cada fotografía enviarase coa súa ficha individual debidamente cuberta que se poderá descargar neste enlace da web do Club de Prensa de Ferrol, onde figuran as bases que rexen o presente certame.
O Club de Prensa de Ferrol poderá utilizar as obras para os fins previstos neste certame, así como nas súas publicacións e nunha exposición e un catálogo que reúna as obras seleccionadas entre as presentadas. Resérvase os dereitos de reprodución gráfica das obras premiadas, que poderán ser difundidas a través da súa páxina web e calquera outro medio publicado por esta institución, así como nas redes sociais.
O prazo de recepción remata o día 24 de maio de 2025 ás 14:00 horas.