O Auditorio do Centro Torrente Ballester de Ferrol acolleu a presentación do Nº 33 da Revista “ FerrolAnálisis”


Ferrol, 9 de abril de 2022

O venres 8 de abril no Centro Torrente Ballester, ateigado de público, o Club de Prensa de Ferrol presentou o Nº 33 da revista FerrolAnálisis, nun acto no que presidido polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato participaron a directora de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, o experto en patrimonio pola UDC, José Manuel Liñeira e a presidenta do Club de Prensa, Julia Díaz.

Asistiron tamén o ex-alcalde de Ferrol Xaime Bello; os concelleiros e concelleiras do Partido Popular, Javier Díaz e Maica García; a concelleira, Eva Martínez e o concelleiro, Julian Reina ambos do PSdG; representantes de entidades culturais, colaboradores, compoñentes do Consello de Redacción de FA, así como destacadas personalidades como o artista Manuel Patinha, a quen está dedicado o apartado das artes, e a cineasta recen galardoada co Premio Goya, Chelo Loureiro.

Nun lugar preferente do escenario, a fermosa peza de Manuel Patinha, “Flor Infinda”, franqueada por varios cadros da colección de pintura do Centro Torrente Ballester, entre os que figuraba unha obra de Tomás Barros - en homenaxe ó centenario do seu nacemento-, contribuían a recibir aos asistentes e a salientar a temática que enche de contidos o Nº 33 de Ferrol Análisis.

Na súa intervención a presidenta do Club de Prensa tivo palabras de agradecemento para todos os colaboradores, directoras, directores e compoñentes do Consello de Redacción da revista FerrolAnálisis, que desde o primeiro número e ata o actual viñeron colaborando xenerosamente nela. Tamén agradeceu a colaboración ás entidades sen cuxa axuda, “a revista non sería posible”, mencionando a Deputación Provincial da Coruña, onde se imprime, e o Concello de Ferrol. Tamén agradeceu ó público asistente e ós lectores a atención que lle veñen prestando dando lectura a algunha das moitas opinións que sobre a mesma deixaron escrito personaxes como Antonio López Pina e Paul Preston, entre outros mais.

Destacou tamén que a revista “é todo un fito, tanto na historia do mundo editorial ferrolán, como na do Club de Prensa de Ferrol que fundado en 1987 por un colectivo de entusiastas xornalistas, botou a andar en 1990. E tamén como naquela primeira entrega, a temática ferrolá constitúe o eixo no que se vertebran os contidos deste número que desde a primeira páxina conxuga a expresión poética e artística de Manuel Patinha, e da poética de Xulio López Valcárcel, o que considerou importantes polos seus efectos “sanadores” que moven a acción na defensa dos valores que, “construídos entre todos, anímannos a continuar a difundir as numerosas potencialidades que Ferrol atesoura, moitas das cales figuran nesta revista”, sinalando a necesidade de seguir na construción e difusión dunha cultura plural, de encontro, de dereitos, de “dicir non as guerras”. Rematou lembrando á poeta Julia Uceda que ven de ser recoñecida coa máxima distinción do pobo de Ferrol, e de quen recolleu uns versos do seu poema A quien oye Dios en tiempos de Guerra.

A directora de Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro de San Miguel, comezou a súa intervención falando en nome do Consello de Redacción, subliñando a importancia do traballo colectivo, "xa que para min a mellor forma de traballar sempre é en equipo”, para continuar logo referíndose a ese traballo, salientando que “desde o Consello de Redacción, consideramos que a revista Ferrol Análisis debe seguir sendo un foro permanente de debate e contraste de ideas, un instrumento que recolla a pluralidade de reflexións, enfoques e formas de interpretar a realidade, así como propostas de futuro”. Referiuse a estrutura de revista en distintas seccións “nas que se abordan diferentes aspectos da nosa terra. Nestes tempos de multiculturalidade e globalización, queremos salientar a raíz do local , que adquire maior interese para coñecer a unha comunidade, por iso lle damos maior peso na estrutura. Sabemos que o local ten valor universal, e queremos potenciar o traballo interdisciplinario para analizar a historia, o presente e o futuro”. Esperanza Piñeiro foi amosando cada un dos artigos que figuran no número 33 de Ferrol Análisis.

José Manuel Liñeira, experto en patrimonio pola UDC e técnico do Centro Torrente Ballester de Ferrol, tomou seguidamente a palabra para referirse á Colección de arte do Concello de Ferrol, tema que aborda con amplitude na revista. Falou das orixes da Colección do Concello ata 1978 e da idea que mantiveron as primeiras corporacións democráticas de crear un museo da cidade como foi a do Museo Bello Piñeiro que tratou de por en marcha o pintor ferrolán Ricardo Segura Torrella, con outros pintores ferroláns. Idea que por unha serie de malentendidos “caeu no esquecemento”. Sinalou que foi un proxecto que tentou rexurdir coa habilitación do Centro Torrente Ballester, onde se realizaron de 2013 ata 2019 pequenas exposicións de fondos “pero sen mencionar o Museo Bello Piñeiro”. Referíndose á colección sostivo que “é importante para o desenrolo da identidade social e cultural da comunidade e os fondos do concello foron expostos ao longo dos catro últimos anos a través de seis mostras temporais temáticas, que gozaron do favor do público visitante. Todos estes elementos levan a que se teñan realizado unha serie de melloras no Centro Torrente Ballester orientadas á exposición permanente da colección municipal, cuxa montaxe tivo lugar do ano 2021 e está concibida para durar entre cinco e dez anos”. Salientado a necesidade de facer “remodelacións periódicas que permitan a publicidade da maior cantidade de obra sen comprometer a calidade da mostra nin o coidado prestado á conservación das obras, deixando ver ao tempo a política de colección existente e permitindo a apertura do debate público para a mellora desta”. Foi a súa unha intervención moi interesante, dada a existencia dun amplo sector da cidadanía que está a procurar tentar que rexurda a idea dun Museo Municipal de Ferrol.

O Alcalde Ángel Mato declara a súa intención de non derribar a estatua de González Llanos

Rematou a quenda de intervencións o Alcalde de Ferrol Ángel Mato, quen tras felicitar tanto ao Club de Prensa de Ferrol como á directora da revista, Esperanza Piñeiro de San Miguel e ao Consello de Redacción, sinalou que “esta revista está a representar o que é Ferrol, tanto no pasado coma na actualidade, polo que a considera como o mellor agasallo para as persoas que non coñecen a cidade”.

Pero Ángel Mato sorprendeu aos asistentes cunha declaración sobre a polémica suscitada pola decisión municipal de derrubar a estatua do fundador de Astano, José María González Llanos. Declaración que fixo “aproveitando o foro do Club de Prensa de Ferrol" no que quixo aclarar que non ten ningunha intención de retirar o monumento a González Llanos, erixido ademais pola vontade veciñal de Esteiro. “Imos defender esa lei de memoria histórica, pero iso non implica que vaiamos adoptar medidas que de pouco ou nada serven para cumprila", e engadiu que “a figura de González Llanos, xustamente, e me vexo na obriga de dicilo, sería inxusto incorporala dentro desas outras que non debemos lembrar”.

Continuou o alcalde que “todos os que temos familia que traballou nos estaleiros sabemos positivamente que naquel tempo un podía ser designado mesmo sen un proceso democrático, pero iso non significa que, en ningún caso, teñan nada que ver con aqueles que exerceron tan duramente a represión e ese castigo tan duro á sociedade civil”.
“Eu comprometo a miña palabra de que esa decisión, ou tómase por amplo consenso ou eu, dende logo, non vou retirar nunca esa figura de González Llanos, que por certo, foi situada na posición que hoxe ocupa por decisión popular”, asegurou o alcalde, dirixíndose aos presentes “non soamente como intelectuais, senón tamén como xeradores de opinión e por iso quixen aproveitar hoxe claramente este foro para trasladarllo”.

Ángel Mato rematou avogando por “non banalizar as cousas”. “A estatua de González Llanos é unha obra de Guillermo Feal e foi fundida en bronce en talleres da Armada. A escultura foi financiada polo Concello de Ferrol por medio dunha subvención á asociación veciñal e Esteiro de 4,5 millóns de pesetas, dos que sobraron 2 millóns que se entregaron a entidades sociais”.

O acto rematou coa entrega aos asistentes dun exemplar da revista.