Miguel Muñiz e Xoán A. Soler recibiron os Premios da 32ª edición de “Galicia en Foco”. A exposición poderá visitarse ata o 21 de xaneiro no Centro Torrente Ballester de Ferrol


Ferrol, 22 de decembro de 2023

Na tarde do xoves 21 de decembro os fotoxornalistas galegos, compoñentes do xurado e numeroso público déronse cita no Centro Torrente Ballester de Ferrol con motivo da inauguración da inauguración da Exposición da 32ª edición de Galicia en Foco e da entrega dos premios desta edición aos fotoxornalistas Miguel Muñiz e a Xoán Soler. O acto estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far.

O fotoxornalista Miguel Muñiz recibiu o Premio da 32ª edición de Galicia en Foco pola Serie “Prestige, 20 anos despois…” publicada no diario ABC, o 22 de novembro de 2022, que foi valorada polo xurado como Serie do Ano 2022, “polo seu compromiso amosado á hora de devolver á actualidade informativa unha historia inacabada, a da traxedia do Prestige, recuperando vinte anos despois os rostros dos homes e mulleres que ilustraron e exemplificaron a loita de toda a sociedade contra o chapapote”. O Premio “Serie do Ano” de Galicia en Foco, e que consta dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 1.000 euros, foi entregado polo concelleiro de Cultura José Antonio Ponte Far.

Por outra banda o fotoxornalista Xoán A. Soler, recibiu a súa mención de honra pola súa foto “Loita”, publicada no xornal La Voz de Galicia, o 13 de outubro de 2022, que fora elixida polo xurado “pola súa capacidade para captar nunha imaxe de profunda humanidade, a realidade dunha familia que convive e fai fronte día a día a a unha enfermidade tan cruel como a esclerose múltiple e as súas consecuencias” e que consta da figura simbólica do certame, foi entregado polo secretario do xurado, Xoán Rubia.

O tradicional encontro anual dos fotoxornalistas galegos en Ferrol con motivo do certame que ven convocando o Club de Prensa de Ferrol e que nos dous últimos anos non se puidera celebrar polos desaxustes temporais provocados pola pandemia da Covid, tivo o seu colofón no Parador de Turismo de Ferrol, onde un ano mais compartíronse inquedanzas ao redor do Certame Galicia en Foco, que desde o ano 1989 ven sendo o único Certame de Fotoxornalismo galego que se convoca en Galicia.

A Exposición da 32ª Edición de Galicia en Foco permanecerá aberta na Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester de Ferrol ata o 21 de xaneiro de 2024