Miguel Ángel López obtén o Premio “Foto do Ano de Galicia en Foco 2024” e Brais Lorenzo logra o Premio “ Serie do Ano de Galicia en Foco de 2024“, na XXXIV Edición do premio de fotoxornalismo que convoca o Club de Prensa de Ferrol
A foto de Miguel Ángel López, “Política Municipal”, publicada no xornal La Región de Ourense o 18 de xaneiro de 2024, obtivo o Premio de Fotoxornalismo “Foto do Ano de Galicia en Foco” que outorga o Club de Prensa de Ferrol e que acada a súa 34ª edición. A foto premiada foi valorada polo xurado “por ilustrar nunha simple instantánea a realidade do acoso laboral ao que se ven sometidos a diario moitos traballadores, e exemplificar as formas pouco democráticas dalgúns dos representantes da nova política” polo que é merecente de ser elexida como Foto do Ano de Galicia en Foco 2024.
A Serie de Brais Lorenzo “O Grande Esmorecemento”, publicada no semanario Sermos Galiza o 21 de setembro de 2024, obtivo o Premio de Fotoxornalismo “Serie do Ano de Galicia en Foco 2024” que outorga o Club de Prensa de Ferrol, e que foi valorada polo xurado “por capturar maxistralmente a forma de vida daqueles que se resistiron e resisten a abandonar o rural galego, e que contribúen a preservar do esquecemento a nosa cultura e patrimonio, nun tempo de homoxeneización e aceleración global”.
Os Premios “Foto do Ano” de Galicia en Foco, e “Serie do Ano” de Galicia en Foco constan cada un deles, dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 750 euros.
O Xurado da XXXIV Edición de Galicia en Foco estivo constituido por Rodrigo Ramos Ardá, Gala Santalla Quintana, Lucas Rey Seoane e Xulia Díaz Sixto, actuando como secretario, con voz pero sin voto, Xoán Rubia Alejos.
A Exposición da 34ª Edición de Galicia en Foco será inaugurada o venres o 12 de decembro ás 19.30h tras o que se procederá á entrega de premios.




