Itinerancia exposición de Fotoxornalismo "Galicia en Foco"


Ferrol, 13 de maio de 2021

O venres 14 de maio, ás 20:00 horas, no Baixo do Pósito da Avda do Mar de Mugardos terá lugar a inauguración da exposición de Galicia en Foco que nesta 29 edición terá carácter itinerante por diversos lugares do Concello mugardés, segundo a programación que a Sociedade Apelón Educación deseñou. Estará tamén na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega no Seixo, onde permanecerá do 21 ao 23, para mostrarse despois do 28 ao 30 de maio no Casino Progreso de Franza.
A exposición, recolle os traballos que os fotoxornalistas galegos enviaron ao certame, e mostra as imaxes das novas mais relevantes do ano 2019 e un avance das imaxes que foi deixando a pandemia da Covid en Galicia na primeira vaga de 2020, imaxes que os fotoxornalistas cederon sen participar no Certame, por mor das bases do mesmo.

A serie A clase traballadora fai posible as festas de San Froilán , tomada por Adra Padrón, publicada o 13 de outubro de 2019 no xornal “Viva Lugo. Diario Cultural de Lugo“, obtivo o Premio de foto-xornalismo "Galicia en Foco 2019" que outorga o Club de Prensa de Ferrol.

A foto premiada foi valorada polo xurado tanto pola calidade de todas e cada unha das fotografías que a conforman, como pola continuidade do discurso narrativo que envolve toda a serie. O Premio “Foto do Ano” de Galicia en Foco, consta dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 1.000 euros.

A Exposición viaxará polas sociedades culturais xa devanditas ata o 30 de maio, para iniciar despois o percorrido por outros lugares de Galicia.