Germán Castro Tomé, presidente fundador do CPF presentou o seu libro "Ángeles Alvariño. Mi estela en los Océanos"


Ferrol, 25 de maio de 2022

O xornalista ferrolán Germán Castro presentou no salón de actos do museo da SGHN o seu libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos”, no que rescata e divulga os méritos da oceanógrafa ferrolá (1916-2005). No acto de presentación presidido polo alcalde de Ferrol Ángel Mato Escalona, Germán Castro estivo acompañado pola filla de Ángeles Alvariño, arquitecta-urbanista residente en California, Ángeles Leira Alvariño; pola súa sobriña, Mª Jose Leira; o biólogo e naturista membro fundador da SGHN, Xoán Rodríguez Silvar, e pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, entidade editora do libro, Xulia Díaz Sixto.

Todos os relatores salientaron a extraordinaria aportación de Germán Castro cara ao coñecemento e divulgación da científica ferrolán, para o que pon a disposición do lector unha valiosa documentación que permite achegarse á figura humana e valía profesional da investigadora, natural de Serantes, que desenvolveu parte da súa carreira en California. Con ela iniciou en 1990 Germán Castro unha relación epistolar que se prolongou durante nove anos. Misivas que dan boa conta da personalidade da científica, dos avances nos seus estudos e investigacións así como da súa preocupación pola evolución do Ferrol “que se aleja del mar” , da destrución da orixinal “Plaza de Armas” ou da satisfacción que lle procuraban as imaxes da “playa y lago de Doniños”, zona na que tiña uns terreos e que ela e o seu esposo doaron á Xunta de Galicia para construír neles un centro de investigacións biolóxicas e ecolóxicas.

Estas son só algunhas das curiosidades que Castro pon ao servizo da cidadanía para coñecer e dimensionar a figura internacional de Alvariño. Pero o autor acode tamén á familia máis próxima da recoñecida oceanógrafa, como a filla e a sobriña, para complementar a obra a través da achega de novos datos descoñecidos até agora. A primeira, María de los Ángeles Leira Alvariño, filla única, arquitecta e urbanista, desprazada desde California para visitar a súa terra e acompañar ao autor no acto de presentación do libro, e que fora recibida oficialmente pouco antes polo alcalde, Ángel Mato, no Concello de Ferrol, descubriulle as liñas de pensamento da súa nai como muller, e as frustracións que lle producían certas incomprensións das súas resolucións nos inicios da súa actividade como investigadora. Tamén a súa capacidade de traballo e os seus desexos de “descansar” para sempre en Serantes. A súa sobriña, bióloga, e coa que a oceanógrafa tiña un especial contacto familiar, achega as claves da cesión do seu legado material ao Concello da Coruña, onde permanece.

Toda esta documentación inédita que nos ofrece Germán Castro Tomé, complementase coa aportación de datos xornalísticos que verifican os feitos narrados, cunha relación de recoñecementos e distincións, asistencias a congresos, divulgacións e escritos, e un fermoso apartado científico e fotográfico, onde figuran os debuxos das especies que Ángeles Alvariño ía descubrindo e recreando, segundo afirma a filla “mirando al microscopio con un ojo y dibujándolo en el papel con el otro ojo”, e fotografías de grande interese.

Para o Club de Prensa de Ferrol é unha satisfacción colaborar na edición deste libro que en homenaxe a oceanógrafa de Serantes elaborou o presidente fundador do Club de Prensa de Ferrol en 1987, e primeiro director da revista FerrolAnálisis en 1990, quen se mantivo ao fronte da entidade ata primeiros de 1999 en que deixou a presidencia para levar adiante a fundación e posta en marcha do xornal Diario de Ferrol en xuño de 1999. Neses anos, baixo a presidencia de Germán Castro, ocupámonos de “presentar” no Nº 6 de FerrolAnálisis á oceanógrafa Ángeles Alvariño, recoñecida internacionalmente como unha das eminencias científicas que no mundo foron, pero descoñecida na súa propia cidade natal.

Co libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos” Germán Castro Tomé, Presidente de Honra do Club de Prensa de Ferrol, culmina o reto que se auto-impuxo de “rescatar e divulgar os méritos da oceanógrafa Ángeles Alvariño.

Germán Castro e o Club de Prensa de Ferrol

Germán Castro, presidente fundador do Club de Prensa de Ferrol en 1987, e primeiro director da revista FerrolAnálisis en 1990, mantívose ao fronte da entidade ata primeiros de 1999 en que deixou a presidencia para levar adiante a fundación e posta en marcha do xornal Diario de Ferrol en xuño de 1999. Neses anos, baixo a presidencia de Germán Castro, ocupámonos de “presentar” en Ferrol á oceanógrafa Ángeles Alvariño, recoñecida internacionalmente como unha das eminencias científicas que no mundo foron.

Outra das figuras recuperadas foi a do mugardés Xosé Rubia Barcia, profesor, escritor, guionista de cinema. Ademais de levalo ás páxinas da revista FerrolAnálisis, o Club de Prensa de Ferrol promoveu, en abril de 1998, a proxección no Jofre da película “La novia de medianoche”, rodada sobre o orixinal de Rubia Barcia e o seu amigo Luís Buñuel. Fixamos tamén como un acontecemento importante (xaneiro de 1999) a iniciativa de promover a perpetuación na memoria colectiva do insigne cartelista Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, a través dun busto erixido no Cantón, iniciativa que foi asumida pola corporación municipal entón presidida por Juan Blanco Rouco (PP), que organizou e solemnizou a proposta. Tamén na publicación FerrolAnalisis, nº 13, dedicáronse ao escenógrafo e galeguista abundantes páxinas centrais, asinadas por diversos autores. Ademais das publicacións e os Cadernos de FA, en 1989 botou a andar o certame de fotoxornalismo Galicia en Foco, e en xullo de 1998 o curso de verán en colaboración coa UDC, Carlos Gurméndez.

Mentres tanto fora do campo puramente xornalístico ven mantendo unha ampla labor literaria da que temos a primeira entrega na colección Documentos FerrolAnálisis (1997), que leva por título, Diálogo con Álvaro Paradela. Ensaio, Poesía e Xornalismo; en 2011 e dentro da colección Cadernos FerrolAnálisis como coautor, Ferrolterra e as orquestras de baile (1930-2010); na mesma colección en 2014, Historia Gráfica do Club de Prensa de Ferrol (1987-2012). Mais tarde e quizais como froito da súa actividade nas redes, e como blogueiro en "De Ferrol para el mundo. Acotaciones de un ferrolés", publica Curiosidades ferrolanas. Historias y anécdotas en los viejos periódicos (Embora-2017), que terá continuidade coa publicación de Curiosidades ferrolanas (II) (Embora 2021).