Número 35

As Obras Permanecen

«Os homes morren, os gobernos mudan, as obras permanecen», di un adaxio popular. Desde o Consello de Redacción de FerrolAnálisis tratamos de preservar obras, textos e imaxes, e dámoslle un espazo preferente á temática ferrolá e a persoas e acontecementos relacionados coa nosa comarca. Porque Ferrol desde sempre é unha urbe-porto aberta ao mar e á modernidade, sensible aos ventos de liberdade e cultura, empapada de ferrolanismo plural e de galeguismo grazas ao empeño e o pulo dado por persoas apaixonadas aquí nacidas e por xentes chegadas de fóra. Ademais, nas páxinas de FerrolAnálisis tamén teñen cabida artigos de investigación, reflexión e ensaio referidos a toda Galicia, a España e á actualidade no contexto mundial.

Neste número recollemos variados artigos sobre patrimonio, historia, artes, literatura, comunicación... Celebramos con especial entusiasmo o inicio das escavacións do castro de Esmelle, dirixidas por Juan Luis Montero Fenollós, membro do Consello de Redacción de FerrolAnálisis; homenaxeamos a Xesús Alonso Montero; e nesta ocasión, o artista pintor invitado que nos regala ilustracións a medida que avanzamos polas súas páxinas é Loureiro, un dos maiores expoñentes da arte de vangarda en Galicia.

Coincidindo con esta publicación, poñemos a disposición dos nosos lectores un Índice Dixital dos 35 números de FerrolAnálisis, ao que se pode acceder por títulos, por autores e por materias, realizado por Luis Méndez de Lara. Un traballo que ven a unirse ao que Eva Ocampo fixera, no seu día, para os primeiros 20 números.

E queremos lembrar ao querido compañeiro Fernando Bores Gamundi, que formou parte da directiva do Club de Prensa e do Consello de Redacción de FerrolAnálisis. Foi profesor da UDC, profesional da Arquitectura e licenciado en Historia. Transmitía entusiasmo e prodigaba amizade. Era un home culto, enxeñoso, dinamizador de diversas actividades culturais, editor… e, sobre todo, un home apreciado, que nos deixou o ano 2023. Sobre o interese que suscitaba Ferrol e a súa historia, no «Liminar» do libro ¡Repinaldos dulces!, de Carlos Sánchez Leira, Fernando Bores escribiu: “Todos tienen algo que decir, algo que aportar al conocimiento de esta singularísima ciudad. Tenemos el historiador áulico y el que pone el acento en personajes marginales, el interesado en un club de fútbol o el seguidor de las rondallas callejeras, el de un hospital o el de los oficios artesanales; quien se dedica al presente, quien al pasado más o menos remoto; tal al urbanismo, tal a los astilleros; cual al callejero, cual al movimiento obrero; este que sabe de la prensa local o estotro que nos cuenta la vida de un instituto… La variedad temática es enorme y el interés por la vida de esta ciudad es inmenso. Sin parangón en una urbe del tamaño de Ferrol”.

Agradecemos a todos os articulistas o seu traballo desinteresado para a nosa revista. Os seres humanos teñen inclinacións naturais cara á cooperación e á xenerosidade. A cultura da colaboración é unha vía rápida e pracenteira de avanzar cara á sabedoría colectiva. E en Ferrol, de maneira especial, destaca o labor dun amplo «voluntariado cultural» (como me gusta denominar a quen, como activistas, crean, divulgan e dinamizan cultura altruistamente). Os ferroláns aman a súa cidade e a súa cultura diversa, de raíces atlánticas e tan relacionada co mar. Amar ao mar son palabras que se forman coa vogal a. Seguramente é unha casualidade, pero a min gústame fantasiar que esta é a razón de que inconscientemente só leven a vogal «a» os topónimos cos que, co paso do tempo, fomos denominando ás ribeiras remansadas próximas á cidade de Ferrol: A Gándara, Caranza, A Malata, A Cabana, A Graña e mesmo a costa Ártabra. Todos estes topónimos só levan a vogal «a», a vogal «a» de «amar ao mar». E FerrolAnálisis é froito desa amabilidade e colaboración do voluntariado cultural.

Esperamos continuar con moitos números máis de FerrolAnálisis, porque unha comunidade necesita promover e protexer obras que perduren e que a axuden a mirar ao pasado para proxectarse no futuro.

Esperanza Piñeiro de San Miguel
Directora de FerrolAnálisis