Project Description

Fene rende homenaxe a Ramón Loureiro polos 25 Anos de Literatura e 35 anos de Xornalismo.


Ferrol, 24 de setembro de 2021

O Salón de actos do CMI Unidade de Fene acolleu o acto de homenaxe a Ramón Loureiro polos seus 25 anos de literatura e os 35 de xornalismo que organizado polo Concello de Fene e o Club de Prensa de Ferrol, tributaron este xoves 23 de setembro ao xornalista e escritor de Sillobre. A celebración que comezou coa proxección dun audio-vídeo, realizado por Almudena Marcos e Daniel Romero, participaron ademais de Ramón Loureiro; o alcalde de Fene, Juventino Trigo; a directora de FerrolAnálisis e profesora, Esperanza Piñeiro de San Migue; o director da editorial Medulia, Xulio López Valcárcel, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto.

Nun fermoso e emotivo vídeo de 6 minutos de duración, Ramón Loureiro foi relatando o que considera esencial na súa vida: as lembranzas da nai que perdeu moi noviño e que permanecerá para sempre na memoria; as da súa madriña Carmen, que fixo de segunda nai; o agarimo das dúas avoas, os padriños. Imaxes para a emoción, para a familia, sempre presente na súa obra á que segundo sinalou "devolve á vida en papel e tinta", unha familia que é parte fundamental do seu universo literario, como tamén o é, o seu Sillobre natal, “a terra de Escandoi”, porque como di, “ser do lugar no que nacín, é a mellor maneira de estar no mundo”.

Trala proxección do vídeo os diversos relatores foron salientando as diversas facianas da súa obra ao longo dos 25 anos da Literatura de Ramón Loureiro. Un autor que sen renunciar á inmensa capacidade de fabulación, mantivo sempre na escrita unha reivindicación de Ferrol e das súas xentes. Unha reivindicación da Galicia do Norte, porque, libro tras libro, o Sillobre natal foi medrando ata converterse no que o autor deu en chamar a Última Bretaña: o mundo que se extende desde as desembocaduras do Xuvia e o do Belelle ata a da Eo, incluíndo terra adentro, áreas coma a Chaira luguesa. Algo que, tamén está sempre presente no xornalismo de Ramón Loureiro porque Ramón Loureiro escribe desde a propia alma da súa terra, como se demostra na súa publicación Acero sobre el agua da que no ano 2022 cumpriranse trinta anos da publicación, e que é unha obra de referencia na fotografía documental española, coa que Ramón Loureiro rendeu homenaxe, no seu día, aos traballadores da construción naval.

Ramón Loureiro non é só un narrador de ficción que situou a Ferrol no centro da narrativa española contemporánea: tamén, ou esencialmente, é un escritor que fixo, da ficción, unha maneira de reivindicar, fronte a toda clase de adversidades, o futuro das comarcas de Ferrol e, por extensión, de toda a Galicia do Norte.

No acto, que estivo presidido polo alcalde de Fene Juventino Trigo, o mandatario municipal salientou a boa veciñanza e as xenerosas aportacións de Ramón Loureiro para as xentes do concello, como foron, o poñer en marcha charlas audiovisuais sobre a historia e cultura de Fene para que os alumnos dos colexios do concello puideran desenrolar actividades formativas en tempos de pandemia e confinamento.

Na súa intervención Ramón Loureiro, agradeceu a todos o que cualificou como "agarimo amosado por todos", pera engadir que el o que pretendía era “vivir cos ollos abertos, e mirar irar cara a cara a realidade” porque “o único verdadeiramente importante que fixen na miña vida foi aprender a ler”, para contar logo de onde viñan os personaxes e mesmo os nomes e feitos que inspiran a súa literatura.

Académico de número da Academia Auriense-Mindoniense de San Rosendo, Ramón Loureiro conta no seu haber, entre outros, co Premio Julio Camba de Periodismo, o Premio Letras de Bretaña e o Premio Caminhos da Memoria (outorgado pola universidade portuguesa do Minho). Tamén foi xurado do Premio Nacional de Literatura e do Premio Nacional da Crítica.

Miguel García-Posada chegou a cualificar de “obra maestra” a súa novela Las Galeras de Normandía. Segundo Ángel Basanta, presidente da Asociación Española de Críticos Literarios, “Loureiro é un escritor singular, que non se parece a ninguén, agás no feito de probablemente ser o máximo herdeiro de Cunqueiro. Ramón creou un universo singular, Escandoi, cun selo moi persoal, dunha imaxinación extraordinaria, que parte dun espazo e tempo concreto para convertelo en xanela que se abre ao mundo enteiro".