Project Description

Érika Reija, Gañadora do XVIII Premio Couso José Couso de Liberdade de Prensa


Ferrol, 25 de abril de 2022

Érika Reija, xornalista luguesa da Televisión Española, que abandonou este ano a correspondencia de Moscova tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico, é a gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que a gañadora da XVIII edición é Érika Reija, logo de se celebrar o reconto de votos avalado polo notario Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. A candidatura de Érika Reija resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, a gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos socios e socias do Club de Prensa de Ferrol e polos colexiados e colexiadas do CPXG.

A organización do premio salientou que as catro candidaturas eran merecedoras do galardón, e destacou que a elección de Érika Reija como gañadora recoñece o labor dos medios públicos e a especial relevancia que os medios de comunicación cobran nunha situación de guerra como a de Ucraína. Nun conflito como este, as e os xornalistas seguen a arriscar a liberdade e mesmo a vida para trasladar a información á sociedade, unha situación de especial risco para os e as freelance, que suman aos perigos xerais o de non teren a cobertura directa de ningún medio. Neste sentido, desde o Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol quíxose facer unha mención especial á situación de Pablo González, solicitando ás autoridades "que realicen todas as xestións oportunas para que o xornalista poida recuperar a súa liberdade o antes posible". Nos próximos días, o Colexio de Xornalistas anunciará polas canles habituais cando se vai realizar a entrega do premio.

A premiada

Érika Reija López, nada en Lugo, é licenciada en Xornalismo por la Universidad Complutense de Madrid e en Ciencias Políticas por la Universidade Nacional de Educación a Distancia. Especializada no mundo árabe, en 2004 entra a traballar en Televisión Española, como xornalista do equipo da Sección Internacional dos Telediarios. Foi enviada especial a diversos destinos, desde onde informó sobre a revolución da praza Tahrir en 2011 en Exipto, a caída de Gadafi en Libia ou o conflito entre Israel e Palestina pola Faixa de Gaza. Cubriu tamén o rescate dos mineiros chilenos de 2010 na mina San José.

No ano 2015 é nomeada correspondente de Televisión Española en Rabat e durante dous años cubre a información de Marrocos para a canle pública. En 2017 é enviada a Moscova para ocupar a correspondencia da capital rusa, desde onde se cubre para a televisión pública a información sobre Europa Oriental. A zona non era descoñecida para ella, que xa en 2014 fora enviada especial durante a anexión rusa de Crimea. Desde Moscova cubriu acontecimentos como a pandemia da covid-19, os recortes de liberdades, o efecto do cambio climático no permafrost siberiano ou a invasión de Ucraína.

O 5 de marzo deste año, abandonaba Rusia tras a aprobación dunha nova lei que prevé sancións de até 15 años de cadea pola difusión de noticias que o goberno ruso considere como falsas. Radiotelevisión Española sumábase así a numerosos medios internacionais que decidiran saír del país como medida de protección para os seus xornalistas ante a posíbel criminalización do seu traballo.

Reija foi galardoada co premio Entre Mulleres, outorgado polo Concello de Lugo, e co Premio Internacional de Xornalismo á Mellor correspondende española 2018, polo Club Internacional de Prensa e a Asociación de Corresponsales de Prensa Extranjera.

Érika Reija súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José VidalBeneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019) e Lorenzo Milá (2019) e Manuel Rico (2021) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

Foto: Iván Makarov.

WEB DO PREMIO