Eleccións municipais 28 de maio - “Conversas no Parador” con José Manuel Rey Varela
O candidato á Alcaldía de Ferrol do Partido Popular, José Manuel Rey Varela, compareceu este martes nas Conversas no Parador, rematando así o ciclo que o Club de Prensa de Ferrol en colaboración co Parador de Turismo de Ferrol organizou con cada un dos candidatos á Alcaldía de Ferrol con representación municipal.
Rey Varela, acompañado pola Delegada da Xunta, Martina Aneiros, o Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, o Director do Parador de Turismo de Ferrol, José Antonio Cedena, concelleiros e concelleiras do PP e numeroso público, maio cos catro candidatos dos partidos que teñen presencia municipal na actualidade, tras unha breve presentación realizada pola presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz, comezou a súa intervención, referíndose a Ferrol con dúas frases que facía súas, unha de Torrente Ballester “Cidade lóxica situada nunha terra máxica” e outra de Juan Gelpi, "Ferrol unha cidade irrepetible" porque engadiu, “somos unha cidade deseñada e construída por enxeñeiros, algo único, e as cousas únicas son a que teñen maior potencial”.
Unha cidade que se encontra nun momento crucial porque dixo “en cinco días os ferroláns estamos convocados para que decidamos cal cremos que é a mellor opción de futuro. Polo que é importante que todos pensemos ben que imos decidir, estamos nun momento clave xa que se abren moitas oportunidades: imos vivir unha recuperación económica e social e o que propoño, en primeiro lugar, é que superemos os enfrontamentos e centrémonos en recuperación de Ferrol”, porque “este sábado imos vivir un momento espectacular na cidade, a xornada de reflexión coincide con grandes acontecementos deportivos: Os ferroláns o que temos que facer é seguir queréndonos máis, buscando unha cidade ao redor do que nos une, un magnífico exemplo é ver a ferroláns de todas as idades xuntos e ilusionados para que o Rácing ascenda, e este é o mesmo movemento cidadán para o domingo, máis ferroláns unidos e ilusionados”.
Entre os seus compromisos destacou que o seu goberno estará "a traballar ás oito da mañá" e "reabrirá" o concello, que porá en marcha "un plan de barrios" e "un plan de continxencia do servizo de axuda no fogar para acabar coa lista de espera máis de 600 maiores". Ademais, prometeu "reabrir" os comedores sénior, "eliminar os radares recadatorios" e "modificar" as normas para que as licenzas “concédanse en tres meses". Sobre á campaña electoral precisou “non vou caer na política da confrontación, creo na boa vontade das persoas que comigo se presentan, pero tamén creo que houbo unha continuidade de oito anos que demostrou que as boas intencións de xuntarse un minuto para que non goberne o partido máis votado só provocou unha parálise e enfrontamentos dos bloques” porque “non podemos afacernos a pensar que se poida xestionar un Concello con oito concelleiros”, como tampouco se pode xestionar sen experiencia.
Sobre o seu proxecto de cidade aludiu ao seu proxecto realizado por moitas e moitos da cidade e que “non é un programa dun partido é un proxecto que lle pertence a Ferrol”. Sobre as súas prioridades se decantou pola claridade e a capacidade de trasladalas ás entidades que “poden e deben” facer algo para logralas, como a Xunta de Galicia e o Goberno Central apuntando “cando me presentei falei co presidente Rueda e deille unha listaxe de temas fundamentais para Ferrol: a segunda fase do CHUF (50Millóns); o saneamento do rural (7 Millóns) e deixei listo no ano 2015 o proxecto; tamén a Vía de Alta Capacidade da Costa, Ferrol ten que liderar unha gran comarca, precisamos unha gran infraestrutura”.
E petición ao Estado, a Feijóo. “Non pode ser que Ferrol, igual que Lugo, quede descolgada da Alta Velocidade, investimento para o tren Ferrol-A Coruña e a estación intermodal, porque a praia de vías é imprescindible para a saída de mercadorías; a zona franca para Ferrol e a transformación do estaleiro 4.0”. E lembrou que o plan estratéxico de Navantia do 2018 incluía un investimento 400Millóns, para o estaleiro 4.0, que significaba “adaptarnos para pasar do sistema de produción de construír en bancada a construír en dique, o que permitirá unha rebaixa en custos dun 30% e tamén do tempo de construción, polo que cando acaben as fragatas F110 o estaleiro estea preparado para captar pedidos no mercado internacional”. Nestes momentos engadiu “non se puxo nin unha pedra para o dique nin para o taller do subbloques”.
Tras anunciar que "o acceso ferroviario ao Porto Exterior estará rematado en 2024 e permitirá potenciar a terminal de colectores”, Rey Varela falou do seu bloque de compromisos para os 100 primeiros días de goberno: "estaremos a traballar ás 8 da mañá, nomearei goberno, reabrirei o concello, recuperaremos o plan de barrios; aprobaremos uns orzamentos; un plan de continxencia do SAF para acabar coa lista de espera máis de 600 maiores; reabriremos os comedores sénior; eliminaremos os radares recadatorios e modificaremos as normas para que as licenzas concédanse en tres meses”.
Cifras
Rey Varela en relación aos actuais datos socioeconómicos de Ferrol enumerou os seguintes:
“Incrementouse dous puntos máis a taxa de paro que fai catro anos e a taxa de actividade baixou máis de cinco puntos”. Con respecto ao número de afiliados á Seguridade Social, sinalou que “temos menos afiliados, a pesar de que estamos nun momento de recuperación”.
En canto a poboación, nos últimos oito anos perdemos 5.000 veciños. Fai catro anos tiñamos 313 baixos baleiros no barrio Magdalena, hoxe máis de 500.
As vivendas baleiras: máis de 9.000 en Ferrol e suprimíronse máis de 400 aparcadoiros no últimos catro anos. E analizando o número de licenzas concedidas no período 2011-2015( a maior crise urbanística) concedéronse 607, no período 2019-2023 só se concederon 334. O tempo de concesión no últimos catro anos se foi atrasando até un período medio de 19 meses.
Orzamentos do Concello de Ferrol. No últimos oito anos tivemos dous orzamentos, un por mandato.
Rey Varela, finalizou manifestando “Sei moi ben o difícil que é conseguir a confianza maioritaria dos ferroláns, e tamén o que é non poder gobernar por uns poucos votos, por iso pido a confianza a todos e tamén aqueles que teñen máis prexuízos partidistas”. “Pido que os ferroláns nos acompañen neste movemento cidadán con esperanza e liberdade e que ninguén quede en casa porque Ferrol necesítanos a todos”.