Anna Caballé e a figura de Concepción Arenal


Ferrol, 19 de xaneiro de 2019

O venres 18 de xaneiro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán, e organizado polo Club de Prensa de Ferrol, tivo lugar o acto de presentación do libro da doutora e profesora da Universidade de Barcelona, Anna Caballé, "Concepción Arenal. La caminante y su sombra".

Presentou o evento a presidenta do Club, Julia Díaz Sixto, dando a palabra á concelleira de Igualdade do Concello ferrolán, Saínza Ruíz, que incidiu na importancia da nosa universal xurista, xornalista e pensadora. A continuación interveu Fernando Bores, directivo do Club de Prensa, que acompañou á autora do libro durante a súa preparación e investigación de campo en Ferrol.

Anna Caballé incidiu, principalmente, na figura de Concepción Arenal como pensadora e filósofa, desde un prisma do Krausismo, malia o seu catolicismo crítico. Tamén abordou, por vez primeira, a acción da sociedade civil versus a institucional ou relixiosa, no tema da caridade, a pobreza ou os presos. E, como non, o feminismo precursor. O acto finalizou cun coloquio da autora co público asistente, que prácticamente enchía a sala, e a firma de libros.