Descripción del proyecto

Ángel Mato participou nas “Conversas no Parador” facendo unha chamada a recupera-la ilusión na cidade


Ferrol, 11 de setembro de 2019

Cunha chamada a recupera-la ilusión, comezou o alcalde Ángel Mato a súa intervención nas Conversas no Parador, o martes 10 de setembro e coas que o Club de Prensa de Ferrol deu comezo a esta actividade despois da etapa vacacional. Unha ilusión, dixo o alcalde, apoiada nunha serie de potencialidades que ao seu xuízo ten a cidade para afrontar o futuro e que son “moi superiores as das cidades medias” e asentadas “nunha industria naval solvente e competitiva, nas enerxías renovables e con excelentes resultados na eólica mariña, nunha capacidade industrial relevante, cun porto exterior, e un casco histórico e un patrimonio único vinculado ó S. XVIII que fan que esta cidade teña moitísimo máis que moitas cidades medianas que hai en España e en Galicia”, polo que o primeiro que considera que hai que facer é “proxectar ilusión”. Unha ilusión que no esquece os datos preocupantes de desemprego, que están na media do desemprego en Galicia, como o están "os salarios e as prestacións”.

PLAN ESTRATÉXICO DE FERROL

Partindo distes datos, Ángel Mato considera que "hai que elaborar un plan estratéxico a medio e longo prazo, baseado no que temos, e tratando de analizar, a dez ou vinte anos vista, como deberá ser a cidade. Un plan estratéxico co consenso máis amplo posible”. Tras ese plan de consenso, sinalou o alcalde “reclamar as institucións, independentemente de quen goberne, que poñan os recursos necesarios para desenrolalo”.

Un plan estratéxico que debería contemplar unha vía de Alta Capacidade pola costa, para conectar Ferrol coa comarca de Ortegal, e así, recuperar a centralidade e servizos das súas comarcas naturais. Tamén sinalou a necesidade de mellorar a conexión ferroviaria coa Coruña para que a duración da viaxe non supere a media hora, e promover a mellora da comunicación ferroviaria con Ribadeo.

Con respecto a UDC, falou dunha colaboración estreita coa mesma, partindo da idea de que o talento formado na universidade poida reterse na cidade, creando un Centro de Investigación que poida dedicarse a calquera dos sectores de actividade que se están xerando no campo das novas tecnoloxías. Dentro desta liña de colaboración coa universidade, adiantou que a finais de setembro vaise celebrar un festival no Campus de Esteiro para acoller e agradecer aos alumnos que veñan a Ferrol a estudar. Avogou tamén polo desenrolo no Campus único de Esteiro, dun centro de enxeñaría, como unha das posibilidades de reverter beneficio para a sociedade ferrolán.

RECUPERAR A CIDADE

Planificar a recuperación do proxecto de cidade é no que está traballando Ángel Mato nestes case tres meses de goberno municipal. A ampliación do CHUF, a Residencia de Maiores do Bertón, a mellora da seguridade vial en Serantes, dotar á Cabana de beirarrúas e outros asuntos mais que tamén enumerou, o tiveron ocupado neste tempo.

Tamén, e froito das boas relacións coa Armada e tras a análise das necesidades da mesma en Ferrol o alcalde manifestou a súa intención de manter unha serie de reunións en Madrid co fin de desbloquear o Convenio con Defensa e falar da eventual construción dun novo buque para Navantia. Figuran nos seus plans inmediatos, tratar no Ministerio de Fomento o tema do Ferrocarril é o proxecto da pendente das Pías, así como a mellora das instalacións da Policía e solicitar unha Sección da Audiencia en Ferrol.

EMAFESA

A situación da Empresa Municipal de Augas é un dos temas mais preocupantes que ten o concello. Segundo o alcalde, a importante débeda do concello de Narón, xunto coa taxa que están pagando todos os ferroláns e que se deixara de pagar ata xuño, reduciron os ingresos da empresa, que ó ter o 51% de inversión municipal, xeraron danos e perxuizos ao concello de Ferrol. Polo que estanse a estudar as accións legais pertinentes sobre a taxa a cobrar, e a débeda contraída polo concello de Narón que ronda os 2.000.000 de euros. Un tema que considera grave porque si en 2019 o plan de investimento de Emafesa se cumprira, o saneamento do rural estaría rematado.

PRAZA DE ARMAS E REGULACIÓN EN SUPERFICIE

Con respecto a unha posible reordenación da Praza de Armas, o alcalde mostrou o seu respecto as decisións tomadas anteriormente e sinalou que a lexislación á que están suxeitas as obras non permite facer variacións. Desde a percepción de que está quedando ben, o que necesita ao seu xuízo é unha reordenación de vehículos e aparcadoiros en superficie que se plasmaría nunha ordenanza. Falou tamén da necesidade dun aparcadoiro de rotación no centro da cidade que permita que a xente poida parar uns momentos na vía pública para facer xestións e afirmou tamén que os aparcadoiros existentes non están completos de ocupación polo que encargou ao concelleiro de tráfico que estude e valore a reordenación de vehículos en superficie.

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

A preguntas dos xornalistas sobre as relacións do goberno municipal con outras institucións, declarou estar no goberno libre de prexuízos, e que como alcalde de Ferrol ten a obriga de relacionarse con todas as institucións independentemente do signo político que teñan. Referíndose ao Ministerio de Defensa, coida que en Ferrol non hai ningunha problemática, co devandito ministerio, “pero obviar que o Ministerio de Defensa é o principal cliente dos estaleiros de Navantia, é non coñecer a cidade”, e insistiu en que como alcalde de Ferrol, respecta e está encantado en facelo, todas as institucións. Aínda que non ocultou que lle houbera gustado ter falado coa Conselleira de Vivenda acerca do plan “Rexurbe", pero que “en todo caso ten as portas abertas do concello para cando volva”, porque sabe da importancia que ten o programa para Ferrol Vello. Noutro momento da intervención manifestou estar encantado e agradecido á Xunta de Galicia polo plan Rexurbe en Ferrol Vello, e disposto a facilitar outras propiedades inmobiliarias no barrio para que se poidan acoller ao citado plan.

CASA DE CARBALLO CALERO

Foi contundente ao lamentar o ter sido responsable de adquirila casa de Carballo Calero e dúas vivendas anexas, para impulsar a rehabilitación, e ver como se viña abaixo. “no me duelen prendas en decirlo, quizá no debí de haberlo hecho, pero en aquel momento como concejal, me pareció lo oportuno porque creo que alguien tiene que dar el primer paso". Preocupado polo estado ruinoso no que se encontra na actualidade, avogou por darlle solución.

PRESUPOSTOS E ESTABILIDADE

Coas mentes no retorno do diñeiro que se inviste en beneficio da cidade, afirmou estar traballando nos novos Presupostos Municipais, e que esa é a premisa que teñen os concelleiros. Con respecto a estabilidade do goberno municipal, o alcalde agradeceu o apoio prestado, pero manifestou que “ser alcalde non é un fin en si mesmo, porque se é alcalde é para facer algo”, sinalando tamén “o que pasou no anterior mandato non foi positivo”. Polo que ante a preocupación polo futuro mostrouse disposto a favorecer un diálogo leal, no que se entenda que os problemas da cidade non se van resolver desde fora.

RODAXE DE “EL VERANO QUE VIVIMOS”

Entre os factores positivos que foi enumerando Ángel Mato o longo de toda a súa intervención, destacou a colaboración do concello, no traballo de localización de exteriores e previo a rodaxe da película “El Verano que vivimos”, producida por Bambú, Warner e Atresmedia, que baixo a dirección Carlos Sedes, será protagonizada por Blanca Suárez e Javier Rey. A rodaxe desta película en Ferrol, terá un impacto positivo na proxección exterior da cidade, e que para elo se pintou en Canido “unha meniña específica para a película”.

Cunha constante apelación ao dialogo e ao consenso, Ángel Mato foi enumerando ante un nutrido grupo de xornalistas e asistentes as “Conversas No Parador”, as numerosas potencialidades que ao seu xuízo ten a cidade, e a variedade e calidade das entidades que están a favorecer o desenrolo da cidade. Neste senso, mostrouse partidario dunha total colaboración con todas elas, porque dixo, “están poñendo en valor a importancia da cidade e colaborando no desenrolo dun futuro, nos diferentes ámbitos nos que exercen as súas actividades”.

Na foto de esquerda a dereita: Esperanza Piñeiro de San Miguel; Manuel Couce Pereiro, Julia Díaz, Ángel Mato, Germán Castro, José Antonio Cedena e Antonio Golpe.