A Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester de Ferrol acolle a exposición da 30ª edición de “Galicia en Foco” que permanecerá aberta ata o 29 de xaneiro de 2022
A entrega do premio ao fotoxornalista Brais Lorenzo terá lugar o sábado 18 de novembro
A entrega do premio a Brais Lorenzo Couto, gañador da 30ª Edición de Galicia en Foco, tivo lugar na tarde de onte sábado 18 de decembro no transcurso do acto de inauguración da Exposición que estivo presidido polo alcalde de Ferrol Ángel Mato Escalona.
A sala de Proxectos do Centro cultural Torrente Ballester de Ferrol, acolle a exposición correspondente á 30ª Edición de Galicia en Foco que foi inaugurada ás 19:00 horas de onte polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato nun acto no que xunto a Brais Lorenzo, fotoxornalista premiado nesta edición participaron numerosos compañeiros fotoxornalistas e membros do xurado que por unanimidade decidiron outorgarlle o premio á mellor serie do ano 2020.
A serie “Tempos de Pandemia”, distribuída pola Axencia EFE e publicada en varios xornais como Faro de Vigo, O Confidencial, e como peza informativas sobre os efectos da pandemia en 2020, foi elixida como "Serie do Ano 2020" e obtivo o Premio de foto-xornalismo da XXX edición de "Galicia en Foco" que outorga o Club de Prensa de Ferrol.
O Premio “Serie do Ano” de Galicia en Foco, consta dunha figura de Sargadelos que fora especialmente deseñada por Isaac Díaz Pardo para este certame, e unha dotación económica de 1.000 euros.
A mostra fotográfica “Galicia en Foco”, serve de recompilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación pero tamén para espertar o interese do público pola obra dos nosos realizadores gráficos, que se coñezan os seus nomes, a súa profesionalidade e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles mesmos documentan.
Galicia en Foco naceu en Ferrol en 1989. É unha traxectoria marcada polo traballo dos profesionais do fotoxornalismo galego, e o primeiro movemento fotográfico que se realiza desde Ferrol para toda a Comunidade Autónoma, tendente a reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia.
A exposición permanecerá aberta ata o 29 de xaneiro de 2022, para iniciar despois o percorrido por outros lugares de Galicia.