Eleccións municipais 28 de maio - “Conversas no Parador” con Iván Rivas do BNG


Ferrol, 02 de maio de 2023

Apostou por ”municipalizar os servizos que se prestan a través de empresas privadas, para que se xestionen de maneira directa”

Iván Rivas, candidato do BNG á alcaldía de Ferrol foi o primeiro dos candidatos en participar nas Conversas no Parador que está a organizar o Club de Prensa de Ferrol cara as Eleccións Municipais do 28 de maio cos candidatos á alcaldía de Ferrol dos catro partidos políticos que na actualidade teñen representación municipal.

No encontro informativo Iván Rivas estivo acompañado pola responsable comarcal do BNG, Mercedes Tobío e por outros e outras compoñentes e simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego así como público en xeral.

Trala presentación a cargo de Xulia Díaz, na que adiantou as liñas básicas a seguir nestes encontros, que serán iguais para todos os candidatos, tomou a palabra Iván Rivas dando resposta ao seu modo de percibir a cidade. Neste senso insistiu na dependencia da cidade de Ferrol do Ministerio de Defensa e o que, ao seu parecer, supón manter un muro que “divide a cidade en dous”. Tamén foi crítico co tema da necesidade de ofertar máis vivendas, pois o "27,8% das vivendas de Ferrol están infrautilizadas”. Rexeitou os proxectos da eólica mariña nas inmediacións da costa que constitúen un serio perigo para a frota pesqueira galega e porque “ademais de financiarse con diñeiro público, solo atende os interesas das empresas privadas que os van a xestionar”.

En relación ao estado ruinoso da casa de Carvalho Calero, culpou ao concello de falta de interese e tamén foi crítico co transporte público, avogando pola creación dunha empresa municipal de transporte.

Iván Rivas, mostrou o seu desacordo a construír novas vivendas nos terreos do antigo acuartelamento Sánchez Aguilera, porque declarou que “temos mil vivendas públicas, nun barrio como Recimil, nunhas condicións de habitabilidade precarias”. Polo que é preciso “pensar en como pomos en valor todo ese patrimonio, porque o problema son as condicións nas que están, que as fan inhabitables”.

Rivas detallou que en Ferrol “o 27,8% das vivendas, ou ben están baleiras, ou ben teñen un uso secundario”, polo que considera que non deben construírse “460 vivendas no Sánchez Aguilera, no corazón da cidade, cando iso debería de ser un gran parque e un gran pulmón verde”. Iván Rivas referiuse ao que considera “potencialidades” desde o punto de vista do patrimonio e dos recursos ambientais da cidade. Para engadir que Ferrol debe “conectar os barrios da cidade con grandes espazos e grandes zonas verdes que permitan percorrela a pé e en transportes sustentables como a bicicleta”.

Remunicipalizar servizos

Sinalou a necesidade de “remunicipalizar os servizos que se prestan a través de empresas privadas, para que se xestionen de maneira directa”, o que suporía para o candidato do BNG “aforrar o beneficio industrial das empresas”, e que “os recursos que hai, sen incrementalos, destínense de maneira íntegra a xestionar o servizo”.

Ferrol, e a súa relación con Defensa

Neste senso, sinalou que a relación debería ser co Ministerio de Defensa, e que tiña que ser unha relación de “paridade e igualdade e non xerárquica” e foi crítico co convenio de Defensa.

Os aparcadoiros

Sobre o tema dos aparcadoiros salientou que Ferrol é a cidade galega “que mais coches ten por habitante” e que non temos un problema de aparcadoiros . O problema de Ferrol é “de mobilidade” polo que considera que o que se necesita é unha empresa municipal de transporte.

Gobernabilidade

Sobre o tema da gobernabilidade, Iván Rivas, aclarou que o BNG non deu o voto á alcaldía de Ferrol en base a ningunha condición. “Non demos a alcaldía sen máis, nós tiñamos naquel momento dúas opcións, unha era o Partido Popular e outra a do Partido Socialista. Era un pouco absurdo que nós con dous edís pretendera ser alcalde. Demos o voto a opción que nos parecía mais oportuna, pero sen ningunha condición”.