“Galicia, identidade e gobernanza no mundo actual” é o tema da 27ª Edición do Curso de Pensamento e Comunicación Carlos Gurméndez que terá lugar no Campus Industrial de Ferrol os días 1, 2 e 3 de xullo


Ferrol, 26 de xuño de 2026

A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz; e as directoras do Curso Carlos Gurméndez, a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, presentaron este venres, na Sala de Xuntas da Vicerreitoría, a XXVII edición deste curso de pensamento e comunicación. O evento terá lugar os días 1, 2 e 3 de xullo, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol e afondará na identidade e na gobernanza de Galicia no mundo actual, abordando cuestións relacionadas coa lingua, a cultura, a acción exterior, o territorio, o dereito e os modelos de desenvolvemento do país.

Na súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, salientou o “interese” desta proposta formativa e recalcou que os futuros e futuras profesionais terán que traballar nun contexto social, institucional e normativo no que a identidade, a cultura e a gobernanza condicionan a toma de decisións, os proxectos e mesmo o seu impacto. Polo que, “entender ese contexto é clave para formar persoas profesionais completas, críticas e comprometidas”, engadiu.

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, quixo recalcar a “calidade” e “oportunidade histórica” deste curso de pensamento e comunicación dedicado a Carlos Gurméndez. “Estudamos a globalización, as migracións e a nova orde mundial. Neste momento, volver a Galicia era unha necesidade”, explicou. En liña con isto, e citando ao xornalista e escritor Manuel Rivas, a codirectora do curso e profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, asegurou que “a historia de Galicia deixa claro que a identidade non medra sen memoria e que esta non é un luxo retrospectivo”.

Por último, a tamén codirectora e historiadora Esperanza Piñeiro explicou que o curso dará comezo o mércores 1 de xullo, ás 10:00 horas, cunha apertura institucional seguida da conferencia do presidente da Real Academia Galega (RAG) e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Henrique Monteagudo, titulada “Cultura, lingua e identidade. Os retos de futuro da lingua galega”. Ás 12:00 horas intervirá o exreitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e expresidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, quen pronunciará o relatorio “Galicia non se entende sen América”.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, tomará a palabra o director da Fundación Juana de Vega e profesor do Departamento de Empresa, Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña (UDC), José Manuel Andrade, quen pronunciará a conferencia “A Galicia Rural: identidade, territorio e gobernanza nun país en transformación”. Ás 17:30 horas será a quenda do director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Christoph Schreinmoser, co relatorio “Galicia no mundo: acción exterior, desafíos e oportunidades”.

Na xornada do xoves 2 de xullo, ás 10:00 horas, intervirá a escritora e profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), Pilar García Negro, coa conferencia “Unha literatura excelsa no contexto dunha lingua sen normalidade”. Ás 11:00 horas, falará o expresidente da Xunta de Galicia e catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC), Fernando González Laxe, quen pronunciará o relatorio “Condutas, racionalidade, lóxicas e conflitos no sector pesqueiro-marisqueiro”.

A última conferencia da mañá, centrada nas “vidas paralelas” de Óliver Laxe e Lois Patiño, terá lugar ás 12:30 horas da man do filósofo e profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Alberto Sucasas. A partir das 16:30 horas, o programa inclúe o relatorio do dramaturgo e artista plástico Francisco Oti, titulado “Teatro e identidade no espazo político e social de Galiza”, así como unha actuación musical a cargo de Xoán Rubia e María Manuela.

Para rematar, o venres 3 de xullo, a partir das 10:00 horas, intervirán a catedrática de Historia de Ensinanza Secundaria e de Bacharelato, Esperanza Piñeiro, e a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción L. Arranz, quen falarán sobre o imaxinario popular galego e as especificidades do dereito galego, respectivamente.

As persoas interesadas en participar neste curso gratuíto terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a esta dirección ou ben chamar ao 661 331 986 antes das 09:30 horas do mércores 1 de xullo. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O curso conta coa homologación de 20 horas da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para o profesorado de ensino non universitario.