Valentín González Formoso anuncia nas “Conversas no Parador” a recuperación de varias baterías de costa do litoral de Ferrol
A iniciativa tratouse nas "Conversas no Parador", organizadas polo Club de Prensa de Ferrol as que foi convidado o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes.
González Formoso anunciou que, xunto co Concello de Ferrol, a Deputación pretende impulsar un proxecto de recuperación das antigas baterías militares da costa ferrolán co obxectivo de "axudar a divulgar a historia e o patrimonio de Ferrol", convertendo estes antigos emprazamentos militares "nun motivo de orgullo para a cidadanía, de respecto á nosa historia e nun importante elemento de dinamización turística" para a cidade e a comarca. "Ferrol necesita ese tipo de proxectos ilusionantes. Son deberes que nos pon o alcalde de Ferrol e que queremos cumprir", afirmou o presidente. "As baterías de costa xa non existen coma tales, pero alí permanece a súa historia, rodeada da riqueza paisaxística e inigualable da contorna", explicou Formoso. "Para levar a cabo esta acción contamos tamén co apoio de Exponav, que será responsable da parte técnica, así como coa axuda do departamento de infraestruturas do Ministerio de Defensa", que xa amosou a boa disposición para ceder as baterías para a súa recuperación.
Segundo explicou o presidente, a mellor candidata para desenvolver un proxecto piloto é á batería de Cabo Prior, que xa conta con servizos básicos da Autoridade Portuaria coma subministro eléctrico que facilitarían o desenvolvemento dos traballos. Nunha primeira fase realizaranse traballos de limpeza e sinalización da zona, para que a xente que o visite coñeza a historia do emprazamento . Como traballo previo, a Deputación vén de editar a publicación "Guía das baterías de costa", que contou coa colaboración de expertos en historia militar e que será presentada proximamente na cidade naval.
Os retos da Deputación: demografía, emprego e servizos públicos
González Formoso tamén explicou os retos aos que fará fronte a Deputación neste 2020 e a situación orzamentaria na que se atopa. "En 2019 batemos o récord de investimento co Plan Único. Nunca antes se fixera un plan cun orzamento de 100 millóns de euros destinado integramente aos concellos. Este ano esperamos poder acadar de novo esas cifras ", recalcou.
Entre as apostas da Deputación figura a dinamización económica e o impulso do emprego a través do Plan de Emprego Local (PEL), que conseguiu apoiar máis de 1.800 iniciativas emprendedoras e crear 2.600 postos de traballo na provincia. Segundo os datos ofrecidos polo presidente esta mañá, na comarca de Ferrol o PEL supuxo un investimento superior aos 5 millóns de euros, favorecendo a creación de 525 empregos e apoiando a 314 emprendedores/as na posta en marcha das súas ideas de negocio.
Tamén fixo fincapé na importancia do investimento da Deputación en servizos públicos como no Consorcio Provincial Contraincendios (financiado ao 50% por Xunta e Deputación) que mantén o servizo dos parques comarcais de bombeiros da provincia.
Formoso destacou a importancia do reto demográfico, do que penduran todos os demais, propoñendo unha iniciativa innovadora: a creación dunha "cláusula demográfica" nas licitacións da institución provincial, similar ás cláusulas sociais xa existentes nos contratos da Deputación "para que algúns dos nosos servizos podan prestarse desde o rural, potenciando deste xeito o emprego e economía da zona e contribuíndo a fixar a poboación".
Viabilidade de ENDESA
En canto a viabilidade da central térmica de Endesa nas Pontes coa utilización de carbón e biocombustibles, cuxas probas está previsto iniciar as próximas semanas, o rexedor declarou que “estou absolutamente convencido de que estas probas serán viables desde o ámbito técnico e pódense facer viables desde o ámbito económico se todos evitamos un campo de batalla político neste escenario, porque é necesario substituír a totalidade do carbón nun prazo de cinco anos”, apuntando que a utilización de lodos e tamén a biomasa serán as encargadas de poder suplir o único combustible que até o momento utilizou a central térmica.
González Formoso tivo palabras para o colectivo de transportistas, que “foi o primeiro en sufrir as consecuencias da paralización e tamén o máis afectado”, destacando que hai que buscar outras alternativas e así detallou que se está en negociación con algunhas empresas asentadas nas Pontes para que isto colectivo poida continuar coa súa actividade, ademais de trasladar que “agora mesmo están a transportar, coa axuda de operadores portuarios de Ferrol e da Autoridade Portuaria de Ferrol, todo o cereal que antes se transportaba desde A Coruña, coa captación dun tráfico novo, para utilizar na planta que Abengoa ten no polígono de Curtis (A Coruña), un tráfico que agora están a facer e que antes non tiñan”.
Para abrir estes novos mercados, González Formoso detallou que este colectivo tamén debería de poder acceder ás axudas públicas vinculadas á transición ecolóxica “para cambiar as súas bañeiras por outro tipo de plataformas ”.
Mesa de Reindustrialización
O presidente da Deputación da Coruña lamentou a falta do PP na Mesa da Reindustrialización e estimou que “nesta mesa, que falte unha pata fundamental como é o PP, que goberna tantas institucións, que goberna a Xunta, penso que é un erro a súa ausencia e agardo que a saiban valorar e rectificar”, xa que asegurou que “esta non foi unha mesa pensada para poñer deberes á Xunta, todo o contrario, alí o que fixemos foi pormos deberes a todos, máis ao Estado que ao Goberno autonómico, porque ten máis capacidade e competencias no ámbito da gran industria, pero a Xunta tamén ten as súas competencias e ten que exercelas”.