"El Monte Campelo y Punta Frouxeira. Importancia Militar y Aprovechamiento Minero" de Manuel González Gutiérrez
O libro invítanos á achegarnos ao Monte Campelo e fitar con ollos de saberes novos os tesouros que non se perciben baixo a densa e fermosa capa de vexetación. O libro convídanos a camiñar por sendas descritas por coordenadas precisas, moito antes de que chegara o sistema de posicionamento GPS e os mapas dixitais, mergúllanos no acontecer histórico dende 1714 co aceso ao poder dos Borbóns con Felipe V, e a designación de Ferrol como cabeceira do Departamento Marítimo do Norte. Unha designación que agocha a pretensión de convertelo nun establecemento marítimo de primeiro orde, para afortalar o sistema defensivo de España.
A partir desta decisión a importancia do Monte Campelo na defensa da Base Naval faise evidente xa en tempos de Carlos III e a partir de 1913, unha serie de ordes gobernamentais levan a construción das baterías de Monte Campelo.
Pero o noso Monte, está chamado a xogar outros destinos, na minería dende os primeiros anos do século XX, e dese descubrimento, xorden arelas esperanzadoras para o emprego e moitas cousas máis, das que nos vai dando conta Manuel González, con abundantes citas de fontes e documentos que amosan a erudición e capacidade narrativa do autor.
O Ateneo Ferrolán acolleu o acto de presentación no que ademais do autor Manuel González Gutiérrez, participaron o escritor e debuxante Siro López Lorenzo e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto.